A Xunta promove a cultura do emprendemento no evento Pont-Up Store que hoxe comeza en Pontevedra

O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou no acto inaugural da feira

A Xunta de Galicia dará difusión no recinto aos seus programas de fomento do emprendemento feminino e da economía social

Pontevedra, 29 de setembro de 2023 O secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández, participou hoxe no acto inaugural da feira de emprendemento Pont-Up Store, que este ano acada a súa décima edición e se celebra na praza de España de Pontevedra hoxe e mañá.  

Un ano máis, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade colabora con esta iniciativa, co obxectivo de contribuír a xerar unha auténtica cultura do emprendemento, nun encontro multisectorial que aposta pola creatividade.

A Xunta de Galicia traballa para conectar o ámbito urbano co rural a través do emprendemento. Fernández puxo así en valor que no recinto convivan proxectos nacidos en ambos os dous mundos e a súa calidade.

Na edición deste ano participan 32 entidades que exhiben o seu emprendemento en expositores gratuítos que están dispoñibles durante os dous días. Entre as mesmas está representada a economía social galega, polo seu peso no emprendemento e na posta en marcha de iniciativas de proximidade que xeran emprego de calidade, destacou o secretario xeral.

Durante esta primeira xornada, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade celebrará no recinto unha sesión informativa sobre o seu programa Emega, de impulso á iniciativa empresarial feminina. Despois de 27 anos de traxectoria, o Goberno galego consolida con esta iniciativa o seu apoio ao talento e ao liderado feminino, e segue a situar a Galicia como punta de lanza da promoción da igualdade no eido laboral.

Pont-Up Store xorde froito da cooperación de máis de 50 entidades públicas e privadas que durante estes anos foron sumándose ata conformar un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a Pontevedra na capital galega das mellores iniciativas empresariais durante uns días.

A Xunta de Galicia e a Rede Eusumo apoian este evento promovido polo Campus CREA de Pontevedra (Universidade de Vigo) e dirixido pola Asociación para o Emprendemento e a Innovación: Pont-Up Store.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023