A recta final das obras das sendas de Montecelo e Bormoio farán necesario o corte do tráfico na AC-552, en Coristanco, a partir de mañá

O peche da circulación, que se prolongará ata o 10 de novembro, é necesario para acometer a ampliación dunha estrutura desta vía autonómica sobre o río Calvar, para habilitar un paso peonil seguro e segregado do tráfico nesta parte da senda de Bormoio

Para minimizar a afección ao tráfico habilítase o correspondente desvío pola autovía da Costa da Morte, que estará debidamente sinalizado

Os traballos forman parte da construción de máis de 1,3 km de sendas na AC-552 que facilitarán a mobilidade dos veciños, cun investimento de 777.000 €

Estas novas sendas permitirán completar un itinerario peonil continuo de 4 km entre Coristanco e Carballo

Xa está executada a totalidade do treito de Montecelo, de 780 metros, que vai desde o final do itinerario que vén de Carballo ata o centro comercial

Estas actuacións enmárcanse na aposta da Xunta pola mobilidade sostible, que se traduce en máis de 250 km de sendas construídas en toda Galicia
 

Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2023

A recta final de execución das obras das sendas de Montecelo e Bormoio, no concello de Coristanco, fará necesario o corte do tráfico na estrada AC-522 ao paso polo municipio, a partir de mañá luns, día 2 de outubro, e ata o día 10 de novembro, en función das condicións meteorolóxicas.

Este peche da circulación é necesario para acometer a ampliación dunha estrutura da vía autonómica sobre o río Calvar, de modo que se poida habilitar un paso peonil seguro e segregado do tráfico nesta parte da senda de Bormoio. Por ese motivo será necesario o corte total nesa zona do río. Para minimizar no posible a afección ao tráfico, habilítase o correspondente desvío pola autovía da Costa da Morte (AG-55), que estará debidamente sinalizado.

Estes traballos forman parte das obras en execución destes 1,3 km de sendas nas marxes da AC-552, co fin de favorecer os desprazamentos a pé dos veciños cara ao centro comercial. A Xunta está a investir 777.000 euros nestas intervencións que permitirán completar un itinerario continuo de 4 quilómetros entre Coristanco e Carballo.

As sendas, xa moi avanzadas, execútanse en formigón coloreado, para facelas máis visibles aos condutores, e en cor terriza natural, para unha mellor integración na zona. Son de uso mixto, aínda que pensadas, fundamentalmente, para o tránsito peonil, e teñen un ancho mínimo de 2 metros, o que garante a accesibilidade e favorece a mobilidade dos veciños.

O itinerario de Montecelo xa está executado e desenvólvese ao longo de 780 metros, desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial, pola marxe esquerda. Neste caso xa había unha zona con beirarrúas, que se renovaron para conformar o novo itinerario, aproveitando o trazado e ampliando o seu ancho. Ademais, na zona de solo rústico onde non había beirarrúas, habilitouse a nova senda peonil e aproveitouse, ademais, para acondicionar a curva existente, co retranqueo do muro de pedra.

Con respecto ao segundo treito de senda no núcleo de Bormoio, trátase dun itinerario de 560 metros, que vai pola marxe dereita da estrada, unindo Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi.

Neste caso, para garantir a continuidade no paso polo río Calvar faise necesario ampliar a ponte mediante voadizo, para integrar na plataforma o espazo para darlle continuidade á senda nese punto. Esta é a intervención que fai necesario este corte da AC-552, que segundo a evolución das condicións meteorolóxicas, pode verse reducido no tempo.

Estas intervencións contan con financiamento europeo dos fondos Feder 2014/2020 e REACT EU.

Co remate das obras destas 2 novas sendas, en Montecelo e en Bormoio, darase ademais  continuidade ao itinerario de 2,5 km que a Xunta puxo en servizo a comezos do ano pasado en Carballo, desde a saída dese termo municipal ata o inicio das beirarrúas de Coristanco, no que investiu 1,1 M€.

A Xunta continúa avanzando no impulso da mobilidade sostible nos concellos galegos, coa construción de máis de 250 km de sendas en toda Galicia nos últimos anos e un investimento superior aos 50 M€, entre eles, os 11 km executados na comarca de Bergantiños aos que se destinaron 5 M€. 

Documentos relacionados

Data de actualización: 01/10/2023