O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades participa, xunto ao alcalde de Madrid, na inauguración da mostra que pode visitarse no Colexio Oficial de Arquitectos

Madrid homenaxea co apoio da Xunta ao galego Antonio Palacios nunha gran exposición que reivindica o seu papel como arquitecto universal

O Goberno autonómico cede a réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo elaborada por un profesor e alumnado do Instituto IES Politécnico da cidade olívica

“É de celebrar que esta retrospectiva inclúa a maqueta da titánica obra en Galicia, quizais a mellor mostra da súa creatividade universal”, expresa Román Rodríguez

Madrid, 29 de setembro de 2023 O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou hoxe en Madrid na inauguración da exposición Antonio Palacios. El rumor de la historia, el ruido del tiempo, na que a Xunta de Galicia colabora coa cesión da réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo elaborada polo profesor Javier Fondevila e alumnado do Instituto IES Politécnico de Vigo.

O titular de Cultura da Xunta agradeceu ao Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid a súa homenaxe cunha retrospectiva que permitirá reivindicar o papel do galego Antonio Palacios como arquitecto universal. “Toda a súa obra está chea de modernidade, de compromiso e de imaxinación, algo que lle fixo posible crear unha marca propia coa que logrou combinar vangarda creativa e modelo residencial galego”, indicou.

Neste sentido, durante o acto, que contou coa presenza do alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, e a directora do Museo do Mar de Galicia, Marta Lucio, celebrou que a mostra inclúa unha peza icónica do seu traballo, a réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo elaborada polo mencionado docente e alumnado do Instituto IES Politécnico da cidadanía e que “pese a ser unha iniciativa que non puido chegar a realizarse, é quizais unha das pezas que mellor mostra a súa creatividade universal”.

“Desde Galicia, cando se cumpren case 150 anos do seu nacemento, sentímonos moi orgullosos da herdanza de Palacios e por iso é de agradecer que o seu traballo sexa tamén recoñecido en Madrid”, declarou.

Catro meses en Madrid

A réplica da maqueta do Plan Palacios para Vigo, xunto a outras pezas en homenaxe a Antonio Palacios, estará exposta nesta mostra durante catro meses no Colexio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM) para celebrar o 150 aniversario do nacemento do arquitecto porriñés.

Esta peza xa formara parte da exposición Antonio Palacios. Soños de modernidade, compromiso con Galicia, no Museo do Mar de Galicia, nos anos 2021 e 2022 con grande éxito entre o público e posteriormente na Delegación da Xunta en Vigo.  

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023