A Xunta avoga por afrontar os retos e oportunidades da eólica mariña desde o diálogo e o consenso

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou hoxe no workshop organizado por Asime en colaboración coa Xunta, Desafíos da eólica mariña. Potenciación da cadea de valor

Amósase partidario de promover un debate tranquilo e sosegado no cal poñer en valor as fortalezas de Galicia neste eido e o compromiso inamovible coa defensa do sector marítimo-pesqueiro

Vigo, 29 de setembro de 2023

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, avogou hoxe por afrontar os retos e oportunidades da eólica mariña en Galicia desde o diálogo e o consenso e xerando sinerxías na cadea de valor do sector. Segundo explicou, este é un dos obxectivos do convenio que veñen de acordar a Xunta de Galicia e Asime.

No marco dese convenio, celebrouse esta mañá o workshop Desafíos da eólica mariña. Potenciación da cadea de valor. Alí, Vázquez amosouse partidario de promover un debate tranquilo e sosegado no cal poñer en valor as fortalezas de Galicia neste eido                   –a capacidade de xeración renovable, o desenvolvemento industrial e loxístico en eólica offshore ou a competitividade do tecido empresarial- pero, tamén, as liñas vermellas, que están na preservación dos ecosistemas mariños e a defensa dun sector estratéxico como o da pesca.

Segundo dixo, esa é a razón de ser do Observatorio de Eólica Mariña, un punto de encontro de todos os axentes implicados no desenvolvemento deste sector para identificar oportunidades e acordar o camiño a seguir.

O secretario xeral de Industria concluíu agradecendo a Asime o seu papel de interlocutor e a súa colaboración á hora de divulgar as fortalezas da cadea de valor deste sector en Galicia.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023