A xerente do Sergas destaca no VII encontro de organizacións de pacientes as medidas postas en marcha en Galicia en relación á promoción da saúde e a prevención das enfermidades

Estrella López-Pardo remarcou a ampliación dos programas de cribado neonatal, do VHC, oncolóxico ou de vacinación
 

Sobre a seguridade dos pacientes e o uso seguro dos medicamentos sinalou que é necesario incidir en actividades formativas e informativas a doentes e familias
 

Madrid, 29 de setembro de 2023

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, participou hoxe en Madrid nunha mesa sobre Saúde Pública como prioridade global, no marco do VII Congreso de Organizacións de Pacientes. Tamén participaron na mesa, Reyes Castillo, en representación da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios, e Francisco Javier Membrillo, vicepresidente da Sociedade Española de Enfermidades Infecciosas e Microbioloxía Clínica. O moderador da mesa foi Ramón Espacio, secretario xeral da coordinadora estatal de VIH e Sida.

En relación á promoción da saúde e á prevención das enfermidades, un dos temas abordados na mesa, a xerente do Sergas dixo que en Galicia se están a reforzar as actuacións sobre os principais factores de risco da nosa poboación, como son a obesidade ou o tabaquismo. Tamén se ampliaron os programas de cribado neonatal, cribado oportunista do Virus da Hepatite C, oncolóxico ou de vacinación, “nos que estamos a conseguir moi bos resultados”.

Estrella López-Pardo, tamén remarcou o avance en sistemas de alertas e sistemas de información que manexan técnicas de intelixencia artificial. “Agora contamos cun marco máis sólido onde se sistematizan os programas por parte de Saúde Pública e execútanse coa maior efectividade e eficiencia, a través dos profesionais sanitarios do Sergas, tanto en atención primaria como hospitalaria.

Seguridade dos pacientes e uso seguro de medicamentos

O segundo dos temas que se tratou na mesa foi a seguridade dos pacientes e o uso seguro dos medicamentos e as resistencias aos antibióticos. Ao respecto, a responsable do Sergas dixo que o uso seguro de medicamentos é unha das prioridades do Plan de Acción Mundial para a Seguridade do Paciente 2030, da Estratexia de Seguridade do Sistema Nacional de Saúde e da comunidade autónoma galega, desde hai máis dunha década.

É evidente, -dixo a xerente-, que o paciente e a familia teñen que ter a maior información e seguimento e, neste sentido, “é necesario incidir en actividades formativas e informativas a pacientes e familias”. Así, recentemente, o Sergas puxo en marcha, -sinalou Estrella López-Pardo-, un Programa de mellora da adherencia terapéutica a través da preparación e entrega de sistemas personalizados de dosificación de medicamentos, “co que se pretende garantir a eficacia e seguridade dos tratamentos, conseguindo, deste xeito, unha maior calidade de vida dos pacientes”.

Respecto das infeccións, a xerente do Sergas sinalou que pódese minimizar a súa ocorrencia e o seu impacto na saúde mediante actuacións. A estratexia galega contempla algunhas, entre as que citou a adherencia á Hixiene de mans, Código sepsis, proxectos como Zero en Unidades de críticos ou Infección Cirúrxica Zero. Tamén dispoñemos de programas de optimización do uso de antibióticos (PROA), “que teñen como obxectivo optimizar os tratamentos antimicrobianos para alcanzar os obxectivos clínicos, minimizando os efectos non desexados”.

Sen dúbida que “todo esforzo por tratar de previr e tratar as infeccións e outras complicacións nos pacientes crónicos é da maior utilidade”. A resistencia aos antibióticos prolonga as estancias hospitalarias, incrementa os custos médicos e aumenta a mortalidade, -concluíu a xerente-.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023