A Xunta clausura o obradoiro de emprego Lugosostible 5.0, ao que destinou 525.000 €

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, destaca que os talleres financiados pola Administración autonómica vinculan aos participantes co mundo laboral e ábrenlles novas perspectivas profesionais en sectores con boa saída

Lugo, 29 de setembro de 2023 O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou hoxe na clausura do obradoiro de emprego Lugosostible 5.0, promovido polo Concello de Lugo e financiado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade con 525.000 euros.

O taller formou 20 persoas que durante os doce meses de duración da actividade tiveron acceso a un contrato de traballo. As especialidades impartidas centráronse no desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e de aplicacións con tecnoloxía web; así como xestión de márketing e comunicación.

Arias resaltou a capacidade dos talleres de emprego para vincular aos participantes co mundo laboral, xa que teñen a ocasión de poñer en práctica os contidos que aprenden. Neste caso, realizaron actividades como o deseño de produtos audiovisuais multimedia interactivos sobre o patrimonio da cidade de Lugo; así como a definición de accións promocionais, entre outras. 

O delegado explicou que os fondos asignados a este obradoiro inclúen incentivos á contratación de 14 dos alumnos-traballadores en empresas da zona. Esta fase comeza ao finalizar o taller e os contratos teñen unha duración mínima de tres meses. 

Tamén subliñou que os participantes saen con novas oportunidades de inserción no mercado de traballo, incluída a posibilidade de emprender nestes sectores, “para o que contan co apoio da Xunta desde o primeiro momento”.

Para iso, poden buscar información e asesoramento na Rede de polos de emprendemento que está a poñer en marcha o Goberno galego. Na provincia xa hai catro oficinas en activo, despois de que esta mesma semana abrise a de Friol, que dá cobertura a todos os concellos da comarca de Lugo. Ademais está previsto un quinto polo en Sarria, para completar o despregamento deste servizo.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 29/09/2023