Galicia reduciu a súa débeda ata o 16,7% do PIB no segundo trimestre, a niveis do ano 2012

A ratio débeda/PIB de Galicia é sete décimas inferior á rexistrada no trimestre anterior

Ao peche do segundo trimestre Galicia era a cuarta comunidade autónoma de réxime común con menos ratio de débeda/PIB

Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2023

Galicia reduciu a súa ratio débeda/PIB ata o 16,7% no segundo trimestre do ano, a niveis do ano 2012 segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) correspondentes a este período publicado hoxe polo Banco de España.

Galicia foi ao peche do segundo trimestre de 2023 a cuarta comunidade autónoma de réxime común con menor ratio de débeda/PIB. Esta ratio é sete décimas inferior á rexistrada no primeiro trimestre do ano cando foi do 17,4%, e sitúase tamén, tres décimas por debaixo da ratio rexistrada ao peche de 2022 (17%).

Ademais, a Comunidade galega ten un diferencial coa media autonómica 6,5 puntos inferior á ratio débeda/PIB da media de comunidades que se situou ao peche do segundo trimestre en 23,2%.

A débeda por habitante sitúase na comunidade galega nos 4.565 euros fronte aos 6.795 euros da media de comunidades, co que cada galego debe hoxe 2.230 euros menos que a media autonómica.

Volume de débeda

Hai que lembrar que o Banco de España ratifica ademais que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

 

Data de actualización: 29/09/2023