O presidente da Xunta participa na sesión inaugural do ‘III Premio Foro La Toja Josep Piqué-Vínculo Atlántico’

Rueda destaca o papel histórico de Galicia na globalización a través da emigración, a actividade empresarial ou o Camiño de Santiago

Subliña a contribución dos galegos do exterior no crecemento económico dos países de destino aos que levaron as tradicións da comunidade e a unión entre peregrinos de diversas orixes que desde hai séculos promove a ruta xacobea

Resalta a aportación á actual sociedade global que fan as empresas galegas por todo o mundo

Salienta ao sistema democrático como o “modelo idóneo para o avance social” e define Galicia como unha terra “inspiradora dos valores democráticos”
 

O Grove (Pontevedra), 28 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a contribución histórica de Galicia na globalización a través do Camiño de Santiago, a emigración ou a actividade empresarial. Así se referiu durante a sesión inaugural do III Premio Foro La Toja Josep Piqué- Vínculo Atlántico, presidida por a súa maxestade o rei Felipe VI, onde subliñou “o papel histórico de Galicia nesa superación de fronteiras”.

Rueda lembrou como, desde hai séculos, o Camiño de Santiago exerceu de rede para unir lazos entre peregrinos de orixes moi diversas e “facer global a boa parte de Europa” sen necesidade de que mediaran decisións políticas. “Antes da aldea global houbo ese camiño global e antes de que houbese redes sociais, Galicia xa puxo en marcha esa rede presencial y amigable que fixo afloral o mellor cada un”, destacou.

O titular do Goberno galego fixo fincapé tamén na emigración galega coma outra das aportacións da comunidade ao proceso de globalización que centra esta edición do Foro La Toja. Nesta liña, lembrou o papel dos galegos do exterior que conseguiron integrarse e contribuír ao crecemento económico dos países de destino pero sen esquecer a súas orixes e levando as tradicións galegas máis aló das nosas fronteiras.

Ademais, Rueda asegurou que a comunidade segue a xogar un papel fundamental na globalización mundial a través do seu tecido produtivo, desenvolvido por multinacionais e compañías de todo tipo e de todas as dimensións. “Esa Galicia empresarial que nos fai sentirnos orgullosos e que leva a marca Galicia polo mundo”, asegurou.

Galicia, terra inspiradora dos valores democráticos

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego analizou tamén os retos que a globalización ten no presente e futuro máis inmediatos ao asegurar que non sempre é fácil conciliar dita globalización coa soberanía nacional e a democracia. Rueda lembrou que a democracia representativa é “o modelo idóneo para o avance social”, pero subliñou que é importante a reivindicación constante das ideas que sustentan ese sistema democrático “para impedir que se murchen”.

Nesa liña, Rueda asegurou que Galicia “é inspiradora dos valores democráticos” e asegurou que parte do éxito do modelo galego está nun galeguismo e nunha cidadanía “madura e emprendedora”. A este respecto, agradeceu esta nova edición do Foro e asegurou que “sería un magnífico sinal que por moitos anos máis esta pequena illa da Toxa, dentro da illa de estabilidade que pretendemos que sexa Galicia, siga sendo un referente para, con calma e sosego, falar das cousas que realmente importan”, indicou.

Data de actualización: 28/09/2023