Rivo apela á unión na loita contra a violencia de xénero e destaca o impulso da xunta ás entidades veciñais que camiñan cara unha sociedade máis equitativa

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, clausurou hoxe en Ourense a presentación do programa Xuntos contra a violencia de xénero. Por unha sociedade que camiña libre, cara adiante, equitativa e sen violencia

Agradeceu á Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave) o traballo que desenvolve, co apoio autonómico, para promocionar a igualdade e tratar de erradicar a violencia machista
 

Ourense, 28 de setembro de 2023

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, apelou hoxe en Ourense á unión e á suma de esforzos na loita contra a violencia de xénero na clausura da presentación do programa Xuntos contra a violencia de xénero. Por unha sociedade que camiña libre, cara adiante, equitativa e sen violencia, que desenvolve a Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro (Cogave) co apoio da Xunta, a través dun convenio de colaboración que se renovou o pasado mes de agosto.

Rivo indicou que na Xunta existe o convencemento de que a cooperación entre as diferentes administracións e axentes implicados na loita contra a violencia de xénero é a única saída para alcanzar a cifra 0 vítimas. Así, agradeceu ás entidades veciñais o labor que desempeñan na loita contra esta lacra a través de diferentes actuacións como son o desenvolvemento de programas de sensibilización e educación desde idades temperás.

A conselleira referiuse tamén na súa intervención á nova Lei de igualdade, que se está a tramitar no Parlamento, da que afirmou que é o resultado dun proceso participativo que situará a Galicia á vangarda da loita contra calquera discriminación contra a muller. Indicou que as mulleres vítimas de calquera tipo de violencia teñen que saber que non están soas, afirmando, ao respecto, que a Xunta coa suma de esforzos seguirá a poñer a disposición das vítimas os recursos necesarios para garantirlles un futuro en liberdade.

Para rematar, incidu na importancia de seguir colaborando coas asociacións veciñais, ás que agradeceu o traballo que realizan coas vítimas de violencia machista.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023