A Xunta salienta a figura dos graduados sociais como “peza esencial da xustiza social”

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron na inauguración das ‘I Xornadas laboralistas da Coruña e Ourense’, organizadas polo Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participaron na inauguración das I Xornadas laboralistas da Coruña e Ourense, organizadas polo Colexio Oficial de Graduados Sociais da Coruña e Ourense, onde destacaron esta figura profesional como “peza esencial da xustiza social”.

José Tronchoni referiuse ao valor do diálogo, do pacto e do acordo no traballo diario dos graduados sociais, tanto no eido xudicial, coas conciliacións previas ao xuízo, como no extraxudicial, a través da negociación colectiva ou os convenios colectivos, entre outras responsabilidades.

O director xeral incidiu tamén na importancia da formación continua dos profesionais relacionados coa Administración de Xustiza, ante os continuos cambios lexislativos e xurisprudenciais. Nesta liña, reafirmou o compromiso da Xunta coas iniciativas formativas e divulgativas,  ademais do apoio aos distintos colaboradores xurídicos na súa actuación ante os órganos xudiciais.

Así, o Goberno galego está a impulsar as dotacións tecnolóxicas e as infraestruturas para que os profesionais implicados nos procesos xudiciais poidan desenvolver o seu traballo nas mellores condicións ao tempo que se lle ofrece á cidadanía un servizo moderno, áxil e eficiente. Segundo indicou Tronchoni, isto plásmase principalmente no Plan de infraestruturas xudiciais, dotado con 125 millóns de euros, e no Plan Senda 2025, a prol da dixitalización e con 43 millóns de euros de orzamento, entre outras accións de mellora.

Pola súa banda, a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, lembrou que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade ofrece un servizo gratuíto de orientación xurídico-laboral coa colaboración dos Colexios Oficiais de Graduados Sociais de Galicia (Lugo, Pontevedra e A Coruña e Ourense) que está a prestar asesoramento a persoas traballadoras e autónomos sen recursos en cuestións laborais. Anunciou a intención da Xunta de duplicar ata os 30.000 € a contía destes convenios “tendo en conto do éxito do programa, que leva xa asesoradas entre o pasado ano e este, medio cento de persoas”.

Mancha lembrou que entre as consultas máis habituais que chegan ao servizo atópanse asuntos en materia de Seguridade Social (prestacións de desemprego), dúbidas legais no eido xurídico-laboral respecto de asuntos relacionados coa contratación, a conflitividade laboral, o emprendemento, o réxime de traballadores autónomos ou as relacións laborais de estranxeiros.

Data de actualización: 28/09/2023