O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez e o director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, asinan un convenio

A Xunta reforza o seu compromiso coa conservación da Catedral de Santiago cun novo investimento de 250.000€ para as capelas do Salvador e San Bartolomé

As obras nestas dúas capelas da xirola están xa en execución e está previsto que finalicen no primeiro trimestre do vindeiro ano 2024

Os traballos inclúen a restauración das pinturas murais e retablos, así como o estudo da policromía e dos relevos pétreos

A intervención forma parte do Plan Catedrais, a folla de ruta que o Goberno galego ten en marcha nos grandes templos catedralicios
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou hoxe a Catedral de Santiago de Compostela, onde o Goberno galego vai realizar un novo investimento de 250.000€ para restaurar as capelas do Salvador e San Bartolomé no marco do seu compromiso coa conservación do conxunto catedralicio. Fíxoo xunto co director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, cos que asinou o convenio de colaboración para estas actuacións.

Durante a súa visita, o responsable autonómico de Cultura salientou a complexidade do proxecto de conservación e restauración feito na Catedral compostelá na última década. “Esta é unha das maiores actuacións feita nun ben declarado Patrimonio da Humanidade”, sinalou Román Rodríguez antes de facer referencia a que gabou o “magnífico resultado” posible grazas á colaboración e coordinación entre administracións.

“Reinaugurar a Catedral de Santiago 800 anos despois da súa construción foi un fito para toda Galicia e agora a nosa obriga é coidar dunha das maiores xoias do noso patrimonio para que continúe con nós por outros tantos máis”, expresou. Para conseguilo, tal e como explicou, o Goberno galego ten en marcha o Plan Catedrais, a folla de ruta dotada con 36M€ para que todos os templos catedralicios de Galicia afronten a década xacobea nas mellores condicións seguindo o exemplo do traballo feito na basílica de Compostela.

Traballos en marcha

Así, ao abeiro deste Plan, o Goberno galego ten previsto un investimento de 6,5M€ ata o ano 2027 para actuacións como as que xa están en marcha nas capelas absidais do Salvador e de San Bartolomé, cuxas obras visitou hoxe o titular do departamento de Cultura da Xunta. Trátase dunha intervención que conta cun investimento de 250.000€.

En concreto, os traballos que está previsto rematar no primeiro trimestre do vindeiro ano 2024 inclúen a restauración das pinturas murais e retablos, así como estudo da policromía da tribuna da xirola e dos relevos pétreos achados durante as actuacións arqueolóxicas que se fixeron na zona da cripta.

Data de actualización: 28/09/2023