A Xunta ultima co concello de Coristanco o traslado do Xulgado de Paz

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, mantivo un encontro co alcalde da localidade, Juan García, para abordar os detalles da instalación do servizo en novas oficinas co obxectivo de garantir a accesibilidade

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, reuniuse hoxe co alcalde de Coristanco, Juan García, para organizar o traslado do Rexistro Civil desta localidade ao edificio municipal de servizos múltiples. O cambio ten como obxectivo garantirlle á cidadanía unha maior accesibilidade e vai supoñer tamén o inicio da dixitalización dos expedientes.

Está previsto que as obras para a adaptación do novo espazo comecen o vindeiro mes. Así, no encontro de hoxe abordouse tanto o movemento de documentación e mobiliario como as necesidades de conexión tecnolóxica para que o persoal poida comezar a traballar en novembro coa nova plataforma de Rexistro Civil DICIREG, que permite a tramitación electrónica.

Deste xeito, Coristanco contará cun Xulgado de Paz máis accesible, eficiente e moderno tanto polas características das oficinas como pola dotación tecnolóxica. A medida enmárcase en dúas importantes apostas da Xunta no eido xudicial, como son a mellora das infraestruturas e a dixitalización.

Nesta liña, o Goberno galego está a impulsar o Plan de infraestruturas xudiciais, dotado con 125 millóns de euros, e o Plan Senda 2025, a prol da dixitalización e con 43 millóns de euros de orzamento, entre outras accións de mellora.

Data de actualización: 28/09/2023