A Xunta apoiará a primeira edición da feira Gastrotur do Ulla que se celebrará en maio de 2024 no concello da Estrada

Na presentación deste certame estivo o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, en representación do apoio do Goberno galego

Este evento pretende ser un escaparate da oferta innovadora dos 19 concellos bañados polo río Ulla

O director puxo en valor a Lei da Calidade Alimentaria, cuxo principal obxectivo busca que os produtos alimentarios alcancen unha nova dimensión no mercado, favorecendo o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva

A Estrada (Pontevedra), 28 de setembro de 2023

A Xunta apoiará a celebración da primeira edición da feira Gastrotur do Ulla, en maio de 2024, no concello pontevedrés da Estrada. Así o destacou esta mañá o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, no acto de presentación deste certame.

 

Neste senso, cabe salientar que este certame gastronómico, turístico e deportivo pretende ser un escaparate de toda a oferta innovadora que ofrecen os 19 concellos zona bañados polo río Ulla: Antas de Ulla, Boqueixón, Agolada, Silleda, Monterroso, Vedra, Arzúa, Pontecesures, Santiso, Teo, Catoira, Palas de Rei, Padrón, A Estrada, Valga, Vila de Cruces, Touro, Dodro e Rianxo.

 

Así, o director xeral destacou a importancia de colaborar con este tipo de feiras, que permiten promocionar as singularidades locais e apostar pola produción da zona, contribuíndo a ampliar o mercado a novos compradores. Centrado máis na oferta gastronómica, Cabarcos destacou o prestixio que están alcanzando os 37 selos de calidade, os cales constitúen un dos principais atractivos da ampla oferta turística de Galicia. Así, os visitantes acoden a nosa Comunidade atraídos, entre outras cousas, polos seus manxares, sendo esta unha das grandes motivacións para a súa viaxe, matizou o director.

 

Precisamente, salientou Cabarcos, estas producións de calidade son recursos alimentarios que constitúen unha das mellores ferramentas das que dispón o medio rural desta comunidade para asegurar o seu futuro, emprender novas vías de desenvolvemento e, incluso, reinventarse.

 

Lei da Calidade Alimentaria

De feito, o director da Axencia puxo en valor a Lei da Calidade Alimentaria, unha norma que se está tramitando no Parlamento, e que ten como principal obxectivo que os produtos alimentarios galegos alcancen unha nova dimensión no mercado, máis competitiva e atractiva para a cidadanía e, en consecuencia, favorecer tamén o desenvolvemento local, a creación de emprego e a diversidade produtiva. En paralelo, búscase achegar ás persoas consumidoras todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade e estivo sometido a un especial coidado no proceso de produción e comercialización.

Data de actualización: 28/09/2023