A Xunta pon en valor a aposta de GKN por desenvolver a súa actividade industrial en Galicia

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou no acto de celebración do 50 aniversario de GKN Driveline Vigo

Vigo, 28 de setembro de 2023

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou esta mañá en Vigo no acto de celebración do 50 aniversario de GKN Driveline Vigo, onde felicitou á empresa pola súa traxectoria e valorou a aposta que está realizando por desenvolver a súa actividade industrial en Galicia.

Na súa intervención destacou o peso da compañía na Comunidade, pois é a maior fábrica de compoñente de automoción de Galicia e explicou que o 50% de vehículos novos en todo o mundo contan con sistemas e solucións de GKN.

Tal e como expuxo, o traballo que realiza esta empresa é clave para facer da automoción unha industria estratéxica para Galicia, que representa o 13,8% do emprego industrial galego e que en 2022 supuxo o 27,5% do total das exportacións da Comunidade.

Nicolás Vázquez referiuse aos importantes retos que a automoción ten que afrontar e á necesidade de que empresas e administracións colaboren para impulsar as adaptacións que as empresas do sector precisan, a formación de profesionais, a mellora das infraestruturas industriais ou a obtención de materias primas a prezos máis competitivos.

Neste sentido, o secretario xeral incidiu no labor que a Xunta está realizando para reducir a burocracia, dunha banda, e con axudas para o sector, por outra. Así, GKN Driveline participou en programas autonómicos, como as Unidades Mixtas de Investigación ou Fábrica Intelixente e Sustentable, con proxectos para impulsar a mobilidade do futuro.

Data de actualización: 28/09/2023