A Xunta moderniza o CEIP de Paradai e logra un aforro enerxético superior ao 30 % logo dun investimento de preto de 1 M€

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado dos traballos, que incluíron illamento da estrutura, cambios nas carpintarías e obras interiores nos dous edificios do centro

Lugo, 28 de setembro de 2023

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades rematou as obras de rehabilitación integral do CEIP de Paradai, en Lugo, nas que investiu preto de 1 millón de euros.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos e destacou que “achegan maior confort, unha estética máis moderna e un aforro enerxético medio superior ao 30 %”. En concreto, no edificio de Educación Infantil reducirase o consumo enerxético anual nun 37,40 %, e as emisións de CO² á atmosfera nun 38,60 %; no edificio principal do colexio o aforro será do 28,50 % e do 29,60 %, respectivamente.

A reforma incluíu a mellora do illamento da estrutura, cambios de carpinterías e a remodelación de espazos interiores, entre outras actuacións. No bloque principal destaca a substitución da cuberta de lousa por unha de panel sándwich e a renovación de lucernarios, canlóns e baixantes; ademais da reforma de aseos, a colocación dunha nova rampla de acceso na entrada principal e a instalación dun ascensor.

No edificio de Infantil melloráronse as aulas coa construción de novos baños, a instalación de falso teito e a colocación de pavimento de PVC. Tamén se acondicionaron os aseos e cambiouse o solado do soportal exterior.

Substituíronse as carpinterías exteriores por outras de maior estanquidade, con sistema de apertura oscilobatente e vidro dobre con cámara de aire. Con respecto á iluminación, instaláronse equipos LED de alta eficiencia con regulación lumínica e detectores de presenza en zonas comúns.

“A comunidade educativa de Paradai inicia o curso escolar nunhas instalacións renovadas, máis confortables, accesibles e sustentables, conforme ás pautas do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia”, afirmou Arias.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023