A oferta ferroviaria en Galicia reduciuse en Galicia cun 12 % menos de servizos que antes da pandemia e coa supresión de 21 conexións diarias e 202 semanais

O Consello da Xunta avaliou hoxe un informe sobre a situación dos servizos ferroviarios de ancho ibérico na Comunidade ante o incremento da demanda que se está a rexistrar e a repercusión que supón no transporte público por estrada

O documento detalla reducións de ata o 75 % na oferta de servizos de tren no eixe entre Vigo e Ourense; ou a minoración dun 60 % no corredor entre A Coruña e Lugo

Na relación entre A Coruña e Ferrol diminuíron os servizos nun 14 %, con 2 servizos menos, e o eixe A Coruña-Betanzos pasou de ter 22 expedicións ao día a só 14

A conexión entre Monforte de Lemos e Ponferrada viu minimizada nun 67 % a oferta e no eixe de Vigo cara a Portugal non se repuxeron o 50 % dos servizos suprimido

Rueda advirte que a falta de capacidade dos servizos ferroviarios, nun contexto de elevada demanda, está a impactar no transporte público por estrada

O presidente galego avanza que o Goberno galego lle trasladará na reunión da semana que vén co secretario de Estado de Transportes que repoña as rutas de tren suprimidas e reforce a oferta de prazas co obxectivo de garantir a mobilidade dos cidadáns

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 23023

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, denunciou hoxe a “evidente e moi preocupante” redución da oferta ferroviaria en Galicia, cun 12 % menos de servizos de tren que antes da pandemia, o que supón a eliminación de 31 conexións diarias e 202 conexións semanais.

Rueda deu a coñecer estes datos provenientes dun informe que foi avaliado polo Consello da Xunta. Nel analizaouse a situación dos servizos ferroviarios de ancho ibérico na Comunidade ante o incremento da demanda e a súa repercusión no transporte público por estrada.

O presidente galego explicou que, unha vez analizados e comparados os servizos de ancho ibérico ofertados actualmente por Renfe en Galicia con respecto aos que existían antes da pandemia, en decembro de 2019, confírmase que hai servizos que “nunca se volveron recuperar”, excepto no Eixe Atlántico e entre Santiago e Ourense. No entanto, sobre esta conexión aclarou que gran parte dos novos servizos nesta liña é a través dos trens Alvia de longa distancia que, en realidade, teñen poucas prazas para viaxar dentro de Galicia.

Rueda especificou que no informe se reflicte que existen conexións de tren que viron minimizada a súa oferta de servizos diarios ata un 75 %, como é o caso da comunicación en tren entre Vigo e Ourense; un 60 % no caso da liña que une A Coruña e Lugo; un 67 % na conexión Monforte de Lemos e Ponferrada; e no corredor entre Vigo e Portugal, a metade das conexións eliminadas non se volveron a repoñer. Ademais, entre A Coruña e Ferrol diminuíron os servizos nun 14%, con 2 servizos menos, e o eixe A CoruñaBetanzos pasou de ter 22 expedicións ao día a só 14.

Reunión co Ministerio de Transportes

Ante esta situación, o mandatario galego advertiu que a Xunta “non lle queda outra que dirixirse a quen ten as competencias”. Así, lembrou que a semana pasada púxose en contacto con Renfe e adiantou que no vindeiro encontro que se manterá a semana que vén co secretario de Estado de Transportes se lle vai demandar que repoña as liñas de tren suprimidas durante a pandemia e se reforce a oferta de prazas.

“Non ten ningún sentido fomentar o uso do transporte ferroviario e, por outra banda, suprimir frecuencias”, considerou o mandatario galego, quen criticou as “escusas” do Ministerio de Transportes para defender estas reducións.

Rueda advertiu que o aumento da demanda por viaxar en tren e a falta de prazas ou frecuencias está provocando que aumente o número de usuarios que opta polos autobuses interurbanos que xestiona a Xunta. No entanto, defendeu que o Goberno galego “está reaccionando a esta sobredemanda”. Así, apuntou o reforzo cun 5 % de máis autobuses ou de vehículos con maior capacidade neste inicio de curso escolar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023