A estratexia para a eliminación da hepatite C en Galicia realiza 63.000 probas desde xaneiro e detecta 83 casos de infección activa

A Dirección Xeral de Saúde Publica traballa en novas liñas de traballo para optimizar a estratexia, como é o caso do desenvolvemento de algoritmos de intelixencia artificial para definir novos patróns e perfís que permitan mellorar a detección precoz de casos ou a necesidade de levar a cabo cribados poboacionais específicos

Sobre a poboación diana, este ano atinxe ao grupo etario de 50-59 anos, en 2024 serán as persoas de 60-69 anos, e para o 2025, as de 40-49 anos

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

A Estratexia para a eliminación da hepatite C como problema de Saúde Pública da Xunta de Galicia, realizou un total de 63.000 probas e permitiu detectar 83 casos de infección activa na nosa comunidade. Así o precisou a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, na súa comparecencia esta mañá na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego; na que fixo balance dos seus primeiros nove meses de implantación.

Segundo apuntou a directora xeral, unha das principais medidas que recolle a estratexia é a implantación de cribados poboacionais oportunistas e o ofrecemento de probas de detección precoz da Hepatite C. Así, desde o comezo do presente ano, a Consellería de Sanidade está a ofrecer a realización de probas de detección precoz deste virus a todas as persoas entre os 40 e 69 anos, de xeito progresivo durante tres anos, aproveitando a oportunidade que se presenta cando se lle require nun centro sanitario unha proba analítica por outro motivo.

Neste senso, en 2023 a poboación diana comprende ás persoas de 50-59 anos, estando previsto a extensión do cribado no ano 2024 ás persoas de 60-69 anos, e no ano 2025 ás de 40-49 anos.

O obxectivo xeral desta estratexia, abundou Durán, é impulsar e coordinar as accións necesarias para eliminar á hepatite C como problema de saúde pública na nosa comunidade. Para isto, a Consellería de Sanidade desenvolve accións que inciden na prevención, a detección, a vixilancia epidemiolóxica, o tratamento ou a formación e investigación sobre esta enfermidade.

A súa implantación garante que as persoas con resultado positivo en hepatite C conten cun tratamento nun máximo de 21 días, se automatice a petición de probas e a notificación electrónica dos resultados, ademais de incluír a realización sistemática da proba ás mulleres embarazadas durante o primeiro trimestre de xestación.

Esta iniciativa pioneira, froito da colaboración entre a Dirección Xeral de Saúde Pública e o Sergas, fai que Galicia sexa un modelo a seguir para outras rexións do mundo, servindo de exemplo e inspiración para o resto de comunidades españolas e europeas, tal e como afirma a Alianza para a eliminación das hepatites víricas en España. Ademais, o programa iniciado polo departamento sanitario da Xunta posibilitará adiantar en catro anos os obxectivos propostos pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

Novas liñas de traballo e actuacións de mellora

A Dirección Xeral de Saúde Pública continúa a traballar en diferentes liñas de mellora, para optimizar tanto o diagnóstico como a identificación de novos casos de Hepatite C.

Entre outras, mediante o emprego da Intelixencia Artificial e o Big Data, a Consellería de Sanidade está a desenvolver algoritmos que contan cun triple obxectivo. Por unha banda, detectar persoas con infección activa previamente confirmada pero que non están a ser tratadas; atopar casos positivos nos que non se determinou a súa carga viral e polo tanto non se pode confirmar ou descartar unha infección activa e; por último, detectar persoas que foron tratadas con réximes de tratamento baseados en Interferón e nos que non se ten documentada a curación.

Grazas a información que achegan esta novas tecnoloxías, o conxunto de áreas sanitarias contarán cunha listaxe de persoas candidatas a ser contactadas para o estudo da súa situación clínica e proposta de tratamento, se procedese. Así, o uso de datos permitirá mellorar a vixilancia epidemiolóxica desta enfermidade, avanzar na procura activa de novos casos e establecer patróns e perfís que contribúan a súa detección precoz, ou a necesidade de levar a cabo cribados poboacionais específicos.

Outros dos eixos principais nos que está a incidir o departamento sanitario da Xunta é reforzar a detección desta enfermidade en colectivos de risco. Así, está a avanzar en protocolos que garantan a realización de probas e o tratamento da poboación dos centros penitenciarios galegos; ademais de continuar a prestar especial atención ás persoas que consumen drogas, coa continuidade do programa de intercambio de xiringas ou a distribución de preservativos.

No peche da súa intervención, Carmen Durán salientou a importancia que posúe concienciar á cidadanía e aos profesionais sobre esta infección, subliñando as accións formativas que desenvolve a Escola Galega de Saúde Pública.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023