Os bonos dixitais para colectivos vulnerables do programa estatal Único pódense solicitar ata o 15 de novembro

As familias beneficiarias recibirán unha axuda mensual de ata 20 euros durante 12 meses para contratar ou mellorar servizos de conexión a internet con banda larga

Esta é a segunda convocatoria das axudas e ten unha dotación de 1,34 millóns de euros, dos que poden beneficiarse cerca de 5.600 familias

As condicións para a concesión das axudas están establecidas polo Real Decreto 989/2021 aprobado polo Goberno do Estado

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

O prazo de solicitudes dos bonos dixitais para colectivos vulnerables do programa estatal Único permanece aberto ata o 15 de novembro. As axudas poden beneficiar a cerca de 5.600 persoas de unidades familiares identificadas como vulnerables, que sexan beneficiarias da RISGA ou do Ingreso Mínimo Vital ou que acrediten ausencia ou déficit grave de recursos económicos.

 

Os bonos dixitais posibilitan unha minoración mensual de ata 20 euros nas novas contratacións de servizos de internet de banda larga de, cando menos, 30 Mbps, durante un prazo de 12 meses, ata un máximo de 240 euros.

 

Tamén se poderán empregar os bonos para a mellora da velocidade dos servizos de internet xa contratados polas familias, sempre e cando o servizo actual sexa de menos de 30 Mbps. O prazo para a presentación das solicitudes remata o 15 de novembro de 2023.

 

Segunda convocatoria

Esta é a segunda convocatoria destas axudas, que conta cun orzamento de 1,34 millóns de euros, que forman parte dos fondos que o Goberno de España transfire a Galicia no marco do compoñente 15 Galicia do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea.

 

O bono social enmárcase no programa Único, que compromete ao Estado a acadar o obxectivo europeo de que o 100 % da poboación teña acceso a servizos de banda larga de polo menos 100 Mbps en 2025.

Data de actualización: 28/09/2023