A Xunta axusta desde o vindeiro luns os horarios de autobús da liña Gontar-Portomouro para facilitar o regreso dos estudantes desde Santiago á Baña

A expedición con saída de Portomouro ás 14,50 horas pasará a saír ás 15,45 horas para facilitar a coordinación coa liña Rúa da Rosa-Portomouro

A Xunta atende deste xeito a petición do concello da Baña, favorecendo a mobilidade dos estudantes residentes no municipio

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade axustará, desde o vindeiro luns, día 2 de outubro, os horarios na liña Gontar-Portomouro para facilitar o regreso dos estudantes desde Santiago de Compostela cara á Baña.

 

Así, a expedición con saída de Portomouro ás 14,50 horas e chegada a Gontar ás 15,35 horas pasará a saír de Portomouro ás 15,45 horas e chegará a Gontar ás 16,20 horas.

 

Deste modo, a Xunta facilita a coordinación dos servizos desta liña coa da Rúa da Rosa-Portomouro, con saída ás 15,15 horas e chegada a Pordomouro ás 15,42 horas. 

 

Con esta modificación, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade atende a petición realizada polo Concello da Baña, favorecendo a mobilidade dos rapaces que van estudar a Santiago.

 

Este axuste enmárcase no labor de seguimento continuo que a Xunta vén facendo do transporte público autonómico, co obxectivo de adaptar os servizos de autobús ás necesidades da cidadanía, ofrecendo mellores conexións e un transporte público de calidade.

 

A información relativa a estes cambios estará dispoñible para a súa consulta na páxina web www.bus.gal.

Data de actualización: 28/09/2023