A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, compareceu na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego

A Xunta presentará antes de que remate o ano a Estratexia de Acción Voluntaria 2027

Atenderá a seis eixos estratéxicos e foi elaborada durante os últimos meses a través dun proceso participativo para incluír as achegas da principais entidades e persoas voluntarias

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

A Xunta presentará antes de que remate o ano a Estratexia de Acción Voluntaria 2027, un documento que marcará os obxectivos e medidas concretas a desenvolver polas entidades e persoas voluntarias de cara aos vindeiros anos. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, compareceu hoxe na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego para abordar o estado deste documento.

A directora xeral concretou que esta estratexia permitirá actualizar o labor do voluntariado á realidade da sociedade actual. Durante os últimos meses, o Goberno galego comezou un proceso participativo para a súa renovación de maneira que esta folla de ruta sexa o máis ampla, colaborativa e ambiciosa posible.

En concreto, en febreiro do ano 2022 celebrouse un primeiro foro participativo para abordar o estado actual do voluntariado en Galicia. Paralelamente, tamén se facilitou unha enquisa a todas as entidades de acción voluntaria con participación activa e realizáronse entrevistas con axentes clave. En xuño do pasado ano,  avanzouse no seu contido no sétimo Congreso de Voluntariado Galego.

Seis eixos estratéxicos

Cristina Pichel sinalou que esta estratexia vertebrarase en seis eixos estratéxicos: abordar a realidade dos novos modelos de acción voluntaria, consolidar e reforzar a formación en materia de voluntariado nos distintos eidos, dar resposta ás novas inquietudes de compromiso e implicación social, recoñecer a acción voluntaria, captar e fidelizar a participación das persoas voluntarias e cooperar e coordinar entre as distintas administracións e institucións académicas e entre as entidades de acción voluntaria.

A directora xeral destacou que Galicia é unha terra solidaria. Neste sentido, concretou que a peche de 2022, no Rexistro oficial había xa máis de 1.100 entidades de acción voluntaria que aglutinan a case 55.000 persoas. Así mesmo, en 2022 foron preto de 10.000 persoas as que se implicaron activamente nos programas impulsados polo Goberno galego en distintos ámbitos para complementar os que se realizan desde o terceiro sector e explorar novos eidos de acción voluntaria.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023