O novo proxecto televisivo ‘Tren de Vida. A Galicia Voy’ promoverá a comunidade galega como destino turístico entre o mercado nacional co apoio da Xunta

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participa na presentación deste programa de entretemento da produtora galega La Sombra Studios que se emitirá na canle autonómica da Comunidade de Madrid

Salienta o papel “cada vez máis importante das producións audiovisuais como ferramenta de promoción turística no éxito de Galicia como destino de moda”

Empregando a conexión de Madrid e Ourense en tren como punto de partida, percorre a Mariña lucense, a Ribeira Sacra, a Fervenza do Ézaro ou as Fragas do Eume, entre outras, da man de sete personaxes da vida social e cultural
 

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, salientou hoxe a crecente importancia que están a ter as novas ferramentas de promoción turística vinculadas ao audiovisual para que Galicia “sexa cada vez máis atractiva para os visitantes e se consolide como destino de moda”. Así o manifestou durante a presentación de Tren de Vida. A Galicia Voy, o novo programa de televisión da produtora galega La Sombra Studios que contou co apoio da Xunta.

Como expresou, esta iniciativa alinéase cos obxectivos de varias series e películas que están a escoller Galicia como escenario nos últimos anos e que demostran “a importancia de orientar a promoción turística alí onde están os consumidores, como está a suceder no eido audiovisual con propostas que permiten coñecer mellor o destino aos espectadores e animalos a converterse en viaxeiros para visitalo”.

No caso concreto do programa presentado hoxe, salientou, a súa contribución para reforzar de xeito especial unos dos mercados nacionais máis importantes para Galicia. De feito, como indicou, Madrid é o principal mercado emisor a nivel estatal. “O ano pasado, con 1,8 millóns de noites, representou o 14,3% do turismo nacional, un peso notable e superior ao dos restantes mercados nacionais. Ademais, supera nun 10% o nivel de visitantes que tiña antes da pandemia”, expresou.

Estrea en 2024

Tren de vida. A Galicia voy é un programa de entretemento que toma como punto de partida a conexión de Madrid coa cidade de Ourense en tren para comezar a viaxe por Galicia da man do seu presentador, Óscar Martínez. Viaxan con el sete personaxes da vida cultural e social de Madrid: José Mota, Mario Vaquerizo, Carmen Lomana, Fonsi Nieto, Gonzalo de Castro, Boris Izaguirre, Vanesa Romero e José Mota.

Con eles percorre en cada entrega do programa un destino diferente para promover a riqueza natural, cultural e gastronómica da Comunidade. En concreto, cando se emita o vindeiro ano poderán verse algunhas cidades galegas, así como emprazamentos da Ribeira Sacra ou da Mariña lucense. Tamén terán protagonismo a praia da Lanzada, Combarro, Ribadavia, Castro Caldelas, Xinzo de Limia ou Finisterre, entre outras.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023