A Xunta financia con 200.000 euros a ampliación da residencia para maiores Suacasa en San Sadurniño

A delegada territorial en Ferrol, Martina Aneiros, visitou as instalacións que recibiron fondos da iniciativa europea Leader para o desenvolvemento do rural xestionada a través do GDR Seitura 22

O apoio autonómico permitiu crear novos postos de traballo e consolidar os existentes neste centro no que actualmente traballan unha trintena de profesionais
 

San Sadurniño (A Coruña), 28 de setembro de 2023

A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, visitou esta mañá o centro residencial privado para maiores Suacasa, en San Sadurniño, que ven de ser ampliado con cargo a unha axuda autonómica de 200.000 euros convocada pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Seitura 22 correspondente á anualidade 2021-2022.

Acompañada da promotora das instalacións, María del Mar López, e do xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural Seitura 22, Miguel Teixido, Aneiros realizou un percorrido pola residencia que conta actualmente con 39 prazas e presta servizos de enfermaría, atención psicolóxica, social, fisioterapia, estimulación cognitiva e actividades de lecer, entre outros.

As instalacións, situadas no lugar de Silvalonga, foron ampliadas en base a un proxecto cuxo orzamento total ascendía a algo máis dun millón de euros, engadindo dúas unidades residenciais diferentes, con espazo para albergar a 15 persoas e unha vivenda comunitaria. Actualmente o centro conta cunha trintena de profesionais e, tal e como puntualizou Aneiros, “o apoio autonómico permitiulles crear novos empregos e consolidar os que xa tiñan”.

Martina Aneiros aproveitou a ocasión para destacar a importante labor que desempeñan tanto a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como os Grupos de Desenvolvemento Rural, nomeadamente o GRD Seitura 22, ao que están adscritos os municipios das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, “á hora de xestionar sobre o territorio os fondos da medida Leader, cofinanciada pola Unión Europea e, en xeral, contribuír a dinamizar a actividade no ámbito rural”, sinalou.

A medida Leader, que procura impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia participativa, supuxo a mobilización de máis de 169 millóns de euros durante o período de execución 2014-2020 e unha axuda pública no rural galego de 71,5 millóns de euros e a creación de preto de 1.000 postos de traballo directos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 28/09/2023