A Xunta destina máis dun millón de euros a contratar 33 axentes de emprego e 9 unidades de apoio en entidades sen ánimo de lucro

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para que as asociacións contribúan á inserción laboral de persoas con discapacidade ou en risco de exclusión

Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2023 O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas para que entidades sen ánimo de lucro contraten axentes de emprego e unidades de apoio por un orzamento de 1,1 millóns de euros.

A medida persegue apoiar ás entidades na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial e na inserción laboral de persoas con maiores dificultades, con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.  

A previsión é financiar 33 axentes e 9 unidades de apoio que traballan en entidades sen ánimo de lucro, nomeadamente, en 14, que foron beneficiarias destas achegas en 2022.  

As axudas permitirán ás entidades sen ánimo de lucro incorporar ou prorrogar os contratos de axentes de emprego e unidades de apoio. Para seren beneficiarias, as organizacións solicitantes deben establecer accións específicas de conformidade cos seus estatutos para a inserción, preferentemente, das persoas con discapacidade e/ou en risco de exclusión social.

Os axentes son figuras especializadas na promoción do emprego coas que se procura axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos no rural, realizando un importante labor que contribúe -ao tempo- a fixar poboación.

O prazo de solicitude das axudas para as entidades sen ánimo de lucro que desexen contratar ou prorrogar esta figura de axentes permanecerá aberto ata o 30 de outubro.

A Xunta quere potenciar con estes apoios o papel da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia, que actúa como motor do emprendemento e da creación de emprego. O obxectivo último consiste en crear un tecido empresarial máis estable e diversificar as actividades.

Data de actualización: 28/09/2023