A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á presentación do proxecto ‘Arousa Inspira’

A Xunta apoia á mocidade no impulso de iniciativas que dean respostas ás súas inquietudes e intereses

O programa Iniciativa Xove ofrece o apoio económico necesario a asociacións ou grupos xuvenís para poñer en marcha proxectos e iniciativas en distintos sectores

Arousa Moza resultou beneficiada deste programa e poderá desenvolver este proxecto que achega distintas disciplinas á mocidade da zona

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 27 de setembro de 2023

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á presentación do proxecto Arousa Inspira, un dos beneficiados do programa Iniciativa Xove da Xunta de Galicia. Durante o evento, a directora xeral sinalou que o Goberno galego ten entre os seus obxectivos fomentar proxectos emprendedores protagonizados pola xuventude que dean resposta ás súas inquietudes e intereses.

O proxecto presentado pola organización Arousa Moza, que se desenvolverá este sábado en Vilagarcía de Arousa, consiste en conxugar actividades creativas con outras que fomentan o coñecemento cultural e natural do concello. A mocidade poderá participar en actividades de fotografía, pintura, poesía e mesmo nunha xincana polo pobo. A idea central sobre a que xira o programa de actividades é mesturar a diversidade coa tradición.

O Goberno galego ofrece mediante o programa Iniciativa Xove financiamento para que asociacións e grupos xuvenís poñan en marcha proxectos en distinto sectores. Destínase a este fin 400.000 euros e cada entidade pode optar a unha axuda de ata 5.000 euros. A directora xeral destacou que mediante o Iniciativa Xove, procúrase darlle á mocidade o apoio económico necesario para facer realidade os seus proxectos e iniciativas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2023