A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu esta mañá no Parlamento de Galicia

Ethel Vázquez destaca o traballo da Xunta e das concesionarias do autobús autonómico para ofrecer un servizo de calidade do ante o aumento da demanda e pide ao goberno o mesmo esforzo co tren

Vázquez Mourelle salienta que o incremento extraordinario de usuarios no autobús vén derivado, entre outros factores, da falta de prazas no tren e do seu funcionamento deficiente

A Xunta está a reforzar liñas de autobús, incrementando a información aos usuarios e impulsando a reserva telemática dos billetes coa Xente Nova e a TMG

Salienta que o pasado venres 15 de setembro circularon 200 autobuses máis para atender a demanda récord rexistrada nun só día: 157.000 viaxeiros

Fronte á aposta da Xunta polo transporte público, lamenta que o Goberno de España aínda non recuperou moitos dos servizos ferroviarios existentes antes da pandemia

Remarca o reforzo activado na liña Vigo-Baiona, dispoñendo en xullo e agosto de 79 servizos de luns a xoves, 81 os venres, 60 os sábados e 51 os domingos

Subliña que a Xunta vela polo cumprimento das obrigas do transporte público, contando co Sistema de Axuda á Explotación, que revela a posición dos vehículos por xeolocalización e permite identificar incidencias para solucionalas de xeito áxil

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destacou hoxe o traballo da Xunta e das concesionarias do transporte público autonómico para ofrecer un servizo de calidade ante o aumento da demanda e pediulle ao Goberno de España que faga o mesmo co tren.

En resposta a unha pregunta no Pleno do Parlamento, a titular de Infraestruturas incidiu en que o Plan de transporte de Galicia está en constante evolución, sempre aberto ás modificacións que se axusten ás cambiantes necesidades de mobilidade dos viaxeiros.

Subliñou que, ante o incremento  extraordinario da demanda do autobús, derivada do regreso ás aulas e, en boa parte, pola escaseza de prazas e de frecuencias no tren, a Xunta pediulle onte ás federacións de transporte por estrada máis reforzos, máis información aos usuarios e tamén a extensión da reserva telemática dos billetes coas vantaxes das tarxetas da Xunta TMG e Xente Nova.

Citou como exemplo que o pasado día 15 de setembro circularon 200 autobuses máis para atender a demanda récord rexistrada nun só día: 157.000 viaxeiros.

Fronte á aposta da Xunta polo transporte público, lamentou que a día de hoxe o Goberno de España aínda non recuperou moitos dos servizos ferroviarios existentes antes da pandemia.

Salientou que o Goberno galego segue traballando na optimización dos servizos de autobús co fin de superar as circunstancias extraordinarias deste momento e seguir poñendo á disposición dos usuarios un servizo eficiente e útil.

Referiuse, de modo concreto, ao reforzo activado xa desde o pasado verán na liña Baiona-Ramallosa-Mallón-Nigrán-Coruxo-Vigo estación intermodal. Detallou que, durante os meses de xullo e agosto, se puxeron á disposición dos usuarios desta liña, tanto para ida como para volta, 79 servizos de luns a xoves, 81 os venres, 60 os sábados e 51 os domingos.

Ethel Vázquez lembrou que o Goberno galego dispón do Sistema de Axuda á Explotación, que revela a posición dos vehículos por medio da xeolocalización, o que permite identificar con rapidez as incidencias para darlle áxil solución.

Recordou, ademais, que o Regulamento Xeral de Circulación permite dispoñer de prazas de pé en servizos regulares de autobús, unha práctica segura e legal, sempre que se trate dun curto percorrido que non transite por autoestrada e cunha velocidade non superior aos 80 km/hora, como acontece na liña Vigo-Baiona.

Data de actualización: 27/09/2023