A Xunta lamenta que o goberno central ignore a solicitude de rebaixa do IVE dos produtos do mar

O conselleiro do Mar sinalou no Parlamento que o feito de que o Executivo estatal obvie esta demanda provoca unha progresiva diminución do consumo destes alimentos saudables e imprescindibles na dieta

Expuxo que a redución deste imposto contribuiría a incentivar o movemento do mercado, a aliviar a situación das familias e a mellorar as previsións de crecemento económico

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, lamentou hoxe no Parlamento que o Goberno central ignore a solicitude de Galicia para reducir o IVE dos produtos do mar. Un feito, subliñou, que está provocando unha progresiva diminución do consumo destes alimentos saudables e imprescindibles na dieta, tal e como sinala un estudo da Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia e como reflicte o Informe do consumo alimentario en España 2022.

Neste sentido, o conselleiro expuxo que o principal causante desa redución é o incremento dos prezos e engadiu que a rebaixa do IVE contribuiría a incentivar o movemento do mercado, a aliviar a situación das familias -especialmente as de aquelas con baixos ingresos- e a mellorar as previsións de crecemento económico.

De feito, sinalou Alfonso Villares, segundo os datos da Asociación de Fabricantes e Distribuidores (Aecoc) e PricewaterhouseCoopers (PwC), a eliminación do IVE xeraría un aforro de 386 millóns de euros ás familias nos seis primeiros meses do ano.

Ademais lembrou que países como Irlanda, Malta ou Reino Unido eliminaron este imposto nestes produtos e Portugal nos peixes de maior consumo e do atún en conserva. Outros como Luxemburgo, Alemaña, Chipre, Hungría e Polonia ou Francia aplican un IVE reducido que oscila entre o 3 e o 5,5% e España, comparou, grava os produtos pesqueiros cun imposto dun 10%.

O conselleiro salientou tamén o trato discriminatorio por parte do Executivo estatal a este tipo de alimentos fronte a outros como a pasta aos que si rebaixou este imposto. Nesta liña,  subliñou que os produtos pesqueiros son a proteína animal que rexistra unha menor pegada de carbono e hídrica e que son alimentos moi saudables. A maiores, engadiu que Galicia seguirá insistindo nesta demanda de redución do IVE dos produtos do mar.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2023