A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, respondeu hoxe no Pleno do Parlamento a unha interpelación sobre a autovía estatal A-54

Ethel Vázquez denuncia que o Goberno de España solicitou a autorización para actuar sobre o río Ladrón 5 anos despois de iniciar o treito Arzúa-Melide da A-54

Lembra que ese curso fluvial aparece en toda a cartografía existente e destaca que Augas de Galicia outorgou en só 4 meses e 12 días a autorización, cando legalmente tiña 6 meses para facelo

Censura que o Goberno bata todas as marcas de retrasos na autovía Santiago-Lugo, que se comprometera a rematar para o Xacobeo e continúa en execución

Adianta que na reunión co secretario de Estado do vindeiro 4 de outubro a Xunta exixirá concreción nos prazos da A-54, que nin está finalizada nin se prevé que o estea ata 2025

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, denunciou esta mañá que o Goberno de España solicitou a autorización para a actuar sobre o río Ladrón 5 anos despois de iniciar o treito Arzúa-Melide da A-54.

 

Lembrou que, a pesar de que ese curso fluvial aparece en toda a cartografía existente da zona, e que as obras comezaron en 2018, o Ministerio de Transportes non solicitou ata a abril de 2023 a autorización para esa intervención, determinante para continuar as obras da autovía.

 

A conselleira subliñou que a Xunta tramitou a autorización en tempo récord mentres o Goberno de España bate todas as marcas de retrasos na autovía Santiago-Lugo.

 

Así, en resposta a unha interpelación sobre a autovía estatal A-54, Vázquez Mourelle remarcou que Augas de Galicia tardou tan só 4 meses e 12 días en tramitar unha autorización para a que legalmente tiña 6 meses de prazo, tendo en conta a complexidade que supón esa actuación de retranqueo dun río.

 

A titular de Infraestruturas da Xunta censurou que o Goberno tente agora xustificar o retraso que acumula a execución desta autovía estatal, tratando de achacalo á tramitación dunha autorización autonómica sobre a intervención nun regato.

 
 
 

Lamentou, ademais que, pese a que o Ministerio de Transportes tiña comprometido o remate desta autovía para o Xacobeo, a día de hoxe nin está finalizada nin se prevé que estea rematada, cando menos, ata o ano 2025.

 

Neste sentido, avanzou que o vindeiro día 4 de outubro na reunión que manterá co secretario de Estado de Infraestruturas a Xunta exixirá concreción e un calendario certo para o remate desta autovía pola que os galegos seguen agardando.

 

Incidiu na importancia para Galicia desta autovía xa que, cando estea rematada, dixo, será un eixe vertebrador do interior; permitirá reducir o tempo de viaxe entre Santiago e Lugo; mellorará a comunicación de núcleos de poboación intermedios, como Arzúa, Melide, Palas de Rei e Guntín; e suporá unha importante mellora da seguridade, tamén para os peóns, ao converterse en alternativa de tráfico ás estradas convencionais N-547 e N-640.

 

Incumprimentos do Goberno

Contrapuxo a liña de acción e o compromiso da Xunta cos prazos reiteradamente incumpridos polo Goberno central na execución de infraestruturas estratéxicas para Galicia como as autovías estatais da Mariña, a A-74; a autovía Ourense-Ponferrada, a A-76; ou a autovía entre Ourense e Lugo, a A-56.

 

Referiuse, ademais, á reconstrución do viaduto do Castro na A-6, na que o Ministerio malgastou 26 M€ nunha reparación “fallida” e criticou que tardase máis dun ano en autoemendarse e apostar pola decisión máis sensata, a que lle pedía o Goberno galego e os transportistas, que é a reconstrución simultánea dos dous viadutos polo procedemento de emerxencia.

 

Tamén citou a chegada dos trens Avril á comunidade como exemplo da inacción do Goberno, que incumpriu sistematicamente todas as datas anunciadas. Non obstante, sinalou que a realidade é que non hai ningunha confirmación da habilitación destes trens de ancho variable dos que dependerá que a alta velocidade poida chegar ata as cidades de Santiago, da Coruña, de Pontevedra e de Vigo.

 

Ademais referiuse ao Corredor Atlántico, salientando que, 8 meses despois do nomeamento do Comisionado, este non se dignase aínda a reunirse coa Xunta para abordar esta infraestrutura, clave para Galicia e para o noroeste peninsular.

 

Fixo fincapé en que “o trato outorgando polo Goberno central a Galicia é francamente mellorable, xa que ata agora todo foron e son atrancos, retrasos e promesas incumpridas”, concluíu.

Data de actualización: 27/09/2023