O conselleiro do Medio Rural participou esta mañá en Lugo na clausura do Consello asesor agropecuario de Mapfre

A Xunta destaca a consolidación do sector lácteo gandeiro grazas ao proceso de profesionalización das súas explotacións

José González sinalou que Galicia conta con explotacións máis competitivas, concentradas e de maior tamaño, sendo a comunidade autónoma española na que máis medrou a produción

Salientou que desde o Goberno galego apóstase por iniciativas a curto, medio e longo prazo que garantan o futuro deste eido produtivo, entre as que subliñou a estratexia sectorial e a Lei de recuperación da terra agraria

Defendeu a necesidade de promover o aseguramento no sector, destacando a orde de axudas anuais que impulsa o seu departamento e que só para o ano 2023 conta cun orzamento de 8,5 millóns de euros

Lugo, 27 de setembro de 2023

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou esta mañá na clausura do Consello Asesor agropecuario de Mapfre na sede do Grupo Lence. Alí destacou a consolidación do sector lácteo gandeiro grazas ao proceso de progresiva profesionalización das súas explotacións, “producimos máis e mellor”, sentenciou.

 

Neste senso, o titular de Medio Rural matizou que a nosa rexión conta a día de hoxe con explotacións máis competitivas e capaces de aumentar a súa produción á vez que melloran a súa calidade. De feito, salientou que Galicia segue sendo a comunidade autónoma líder en produción láctea, rexistrando calidades do leite (graxa e proteína) por riba da media española.

 

Así, segundo os últimos datos dispoñibles, a nosa comunidade produciu no mes de xullo 10.073 toneladas máis de leite que no mesmo mes do ano 2022, un incremento superior ao 4 %. Estas cifras, destacou José González, confirman que Galicia conta con explotacións máis competitivas, concentradas e de maior tamaño, sendo a comunidade autónoma española na que máis medrou a produción. De feito, a produción de leite entre 2018 e 2022 en Galicia pasou de 2.739.373 toneladas a 2.971.526 (o 41 % do leite producido en toda España), o que supón un medre de case o 8,5 %.

 

Do mesmo xeito, o conselleiro tamén fixo fincapé no peso da transformación. Así, salientou que, segundo os últimos datos da Enquisa Industrial de Produtos, no ano 2021 transformouse en Galicia o 55,76 % do leite producido en España, aínda que o obxectivo da Xunta é acadar o 75 % e consolidarse neste eido.

 

Para iso, desde o Goberno galego apóstase por iniciativas a curto, medio e longo prazo que garantan o futuro dun dos sectores máis produtivos de Galicia. Neste senso, José González destacou a estratexia sectorial de dinamización do sector lácteo con ferramentas tan útiles e necesarias como a aplicación Contaláctea, a cal permite calcular os custos de produción das explotacións.

 

A isto, apuntou o titular de Medio Rural, súmase a aposta pola autosuficiencia, salientando a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia como panca para avanzar no cultivo de forraxes para as gandarías de leite a través dos xa coñecidos polígonos agroforestais. Xunto a eles, matizou, cómpre seguir traballando nas concentracións parcelarias para lograr aumentar así a base territorial das explotacións agropecuarias en xerais e das lácteas en particular. Neste senso, lembrou as preto de 35.000 hectáreas que están sendo mobilizadas actualmente na nosa Comunidade a través destes instrumentos.

 

Axudas seguros agrarios

Por último, para reforzar a viabilidade das explotacións, o conselleiro lembrou a necesidade de promover o aseguramento no sector agropecuario. Para iso, puxo en valor a orde de axudas anuais que impulsa o seu departamento e que só para o ano 2023 conta cun orzamento de 8,5 millóns de euros, sendo este o máis elevado desde que Galicia participa no Sistema Español de Seguros Agrarios.

 

Ademais, cabe sinalar que no período 2017-2022 dedicáronse 33,12 millóns de fondos propios autonómicos en axudas a seguros agrarios, e o seu efecto está a ser moi positivo no incremento do nivel de aseguramento, xa que ofrece estabilidade ao sector primario en xeral e, polo tanto, favorece a produción de alimentos sans e seguros para a poboación en xeral.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2023