A Xunta destaca que os orzamentos de 2024 consolidarán todas as rebaixas fiscais en vigor

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, explicou no Parlamento que Galicia ten un modelo consolidado que permite aliviar a carga fiscal das familias

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe que os Orzamentos de Galicia para o vindeiro ano consolidarán todas as rebaixas fiscais que xa están en vigor. Así o expuxo esta mañá no Parlamento onde respondeu a unha interpelación sobre a política fiscal desenvolta polo Goberno galego.

Durante a súa intervención, o conselleiro subliñou que a Xunta ten un modelo consolidado durante máis dunha década, cunha senda propia e que se reforza en cada orzamento.

Un modelo, que segundo explicou, ten dúas características principais: por un lado, evitar a suba de impostos e baixalos en todo o que se pode sen afectar ao Estado de Benestar; e polo outro, priorizar ás rendas medias e baixas, familias, mozas e mozos, e favorecer a creación de riqueza e emprego.

Rebaixas dos orzamentos vixentes

Neste marco, Miguel Corgos lembrou que neste 2023, as familias foron o centro das políticas de loita contra a inflación mediante as baixadas de impostos co obxectivo de mitigar os efectos da inflación na súa renda dispoñible e, por outro, reforzar o impulso da reactivación económica.

Así, os orzamentos vixentes recollen unha serie de medidas para reducir a imposición persoal sobre a renda das persoas físicas. Deflactan con carácter retroactivo a 1 de xaneiro de 2022 os tres primeiros tramos do IRPF, minoran o tramo máis baixo, e aumentan os mínimos persoal e familiar. O carácter retroactivo destas medidas permitiu que na pasada campaña da renda de media cada contribuínte galego pagase 476 € menos de IRPF que no ano 2009. Por outra banda, tamén no IRPF fixouse unha nova dedución de 250 € para os contribuíntes con dous fillos que se equipara así á das familias numerosas.

Ademais, duplicouse a dedución aplicable ás familias numerosas, para que a dedución das familias con tres fillos sexa de 500 €, cun aumento doutros 250 € por cada fillo a maiores.

Finalmente, o titular da Facenda Autonómica destacou que a Xunta ten un modelo fiscal consolidado, que inclúe medidas que están funcionando e que permite aliviar a carga fiscal das familias ao mesmo tempo que se reforzan os servizos públicos.

 

Data de actualización: 27/09/2023