A Xunta publica a aprobación do proxecto de construción da glorieta na AC-116 no Val e da nova conexión co polígono empresarial río do Pozo, en Narón

Mellorarase a seguridade viaria no Val, coa execución desta glorieta na intersección da AC-116 coa vía provincial DP-5408 e co viario local de acceso á zona de costa

Nesta actuación inclúese a execución da nova conexión directa prevista no Plan sectorial da rede viaria de Ferrol e área de influencia entre o parque industrial e a AC-116, onde se executará tamén unha nova glorieta no punto 3+630

A nova conexión conectará a AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba a través do polígono e evitará o paso do tráfico pola estrada provincial DP-5408 en Santa Margarida, beneficiando así aos seus veciños

A previsión é convocar as expropiacións entre o último trimestre do 2023 e o primeiro do vindeiro ano, co obxectivo de licitar as obras en 2024

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción dunha glorieta no punto quilométrico 4+120 da AC-116, no Val, e da conexión co polígono empresarial Río do Pozo, no concello de Narón.

Esta nova actuación no municipio coruñés suporá un investimento total da Xunta que roldará os 935.000 euros, incluíndo o pagamento dos 8 predios necesarios para impulsar estas obras.  

Mediante esta intervención perséguese a mellora da seguridade viaria na estrada AC-116, na súa intersección coa estrada provincial DP-5408 no Val, coa execución dunha glorieta e a conexión da dita estrada autonómica co polígono empresarial Río do Pozo, para o que se executará unha segunda glorieta no quilómetro 3+630.

O DOG recolle hoxe o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 14 de setembro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste novo proxecto. A superficie de expropiación será de 275,38 m² en solo urbanizado e 4.331,80 m² en solo rural. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230927/AnuncioG0181-220923-0001_gl.html

A Xunta prevé convocar os actos expropiatorios no último trimestre de ano e no primeiro de 2024, co obxectivo de licitar as obras no vindeiro ano. A actuación ten un prazo de execución de 12 meses.

O detalle das actuacións

Máis en detalle, a intervención consiste na construción dunha glorieta, no citado punto 4+120 da AC-116, na intersección coa vía provincial DP-5408 e co viario local de acceso á zona de costa.

Mediante esta intervención búscase mellorar a seguridade viaria na zona do Val, substituíndo a actual intersección en cruz con carrís centrais de xiro á esquerda e cuñas de aceleración e deceleración.

Ademais, e para completar a intervención, inclúese a execución dunha segunda glorieta sur e o novo acceso ao polígono do Río do Pozo: situarase no quilómetro 3+630 da AC-116, no que será a intersección co novo viario de acceso ao polígono. Conectarase deste xeito a AC-116 coa autovía Ferrol-Vilalba (AG-64 ) a través do polígono.

Esta nova conexión está prevista no Plan sectorial da rede viaria de Ferrol e área de influencia, cuxa actualización foi aprobada pola Xunta e evitará o paso do tráfico pola estrada provincial DP-5408 en Santa Margarida, beneficiando así aos seus veciños.

O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios, así como para a apoiar o desenvolvemento económico e o tecido industrial.

 

Data de actualización: 27/09/2023