As direccións xerais de Xuventude e Emprendemento, e a Axencia Galega das Industrias Culturais participan nesta nova iniciativa

A Xunta impulsará a profesionalización de grupos teatrais gañadores do programa Xuventude Crea

Ofrecerase formación e mentorizaxe para poñer en marcha unha compañía teatral

A fase de presentación de solicitudes para este programa está aberta ata o vindeiro día 2 de outubro

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023 A Xunta de Galicia ofreceralles aos grupos gañadores do programa Xuventude Crea, promovido pola Consellería de Política Social e Xuventude, a posibilidade de formación e mentorizaxe para poñer en marcha unha compañía teatral. Así o anunciaron hoxe a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e a directora xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego, Margarita Ardao, dado que para o desenvolvemento desta iniciativa, que é unha das novidades incorporadas neste 2023 á convocatoria do certame de novos creadores, súmanse sinerxías entre as tres consellerías.

Neste sentido, a medida consiste en ofrecerlles ás persoas ou grupos das obras gañadoras do Xuventude Crea na especialidade de Teatro a posibilidade de formar parte dun programa destinado a impulsar a súa profesionalización.

Cómpre lembrar que a fase de presentación de solicitudes para o Xuventude Crea está aberta ata o vindeiro 2 de outubro. Coma todos os anos, Teatro é unha das especialidades nas que se leva a cabo unha fase final, de entre un máximo de seis  grupos, para escoller aos gañadores (1º, 2º e 3º premio), fase que ten lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Unha vez se coñezan os premiados e se celebre a gala de entrega de galardóns iniciarase esta fase específica de formación e mentorizaxe.

Selección do mellor proxecto

A Xunta axudará os participantes no desenvolvemento dun proxecto de plan empresarial no ámbito do teatro. Unha comisión de selección participada polo Centro Dramático Galego, a Dirección Xeral de Emprendemento e Apoio ao Emprego e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado seleccionará o mellor proxecto segundo unha serie de criterios, tales como viabilidade ou innovación, entre outros.

O proxecto que resulte seleccionado recibirá asesoramento específico e individualizado nalgún dos polos de emprendemento da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023