Curtocircuíto conta co apoio da Xunta para celebrar o seu 20º aniversario con 30 filmes de 16 países na sección oficial

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participou na presentación do certame que se celebra en Santiago de Compostela do 3 ao 8 de outubro

A sección ‘Planeta GZ’ amosará fitas de autores galegos como Enar de Dios, Anxos Fazáns, Xacio Baño, Félix Brixel ou Borja Santomé nunha edición que acollerá a estrea en Galicia de ‘O Corno’, de Jaione Camborda, ou a presentación de proxectos singulares asinados por Niño de Elche ou Panda Bear

Este encontro é un dos 11 beneficiarios das axudas a festivais de cinema, ás que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina este ano 225.000 euros

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

Curtocircuíto celebrará co apoio da Xunta de Galicia o seu 20º aniversario cunha sección oficial conformada por unha trintena de filmes procedentes de 16 países. A mostra organizada polo concello de Santiago de Compostela, que desenvolverá un amplo programa de exhibición e de actividades paralelas entre os días 3 e 8 de outubro, é unha das 11 citas beneficiarias das subvencións a festivais audiovisuais, liña de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destina 225.000 euros.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá no acto de presentación da programación deste 20ª aniversario xunto ao director de Curtocircuíto, Pela del Álamo, e voceiros doutras institucións colaboradoras. Sutil celebrou a continuidade dun festival que ten un “claro papel protagonista” no audiovisual galego, rol que desenvolve ademais con “responsabilidade e compromiso cara á nosa creación cinematográfica”.

O representante da Xunta lembrou o apoio que o Executivo galego lles brinda cada ano a festivais e mostras audiovisuais que se distinguen “polo elevado grao de profesionalización, pola diversidade das súas propostas e pola capacidade de incorporar novas audiencias”, valores que “están presentes en cada nova entrega de Curtocircuíto”, indicou.

De Vidal Bolaño a Camborda

Sutil aproveitou a súa intervención para poñer o acento en dúas propostas concretas do Curtocircuíto que, ao seu modo de ver, resultan transcendentais para o audiovisual galego e que serven para percorrer as últimas décadas do noso sector cultural ao conectar o pasado co presente.

 

A primeira delas é a retrospectiva que se lle dedicará ao polifacético dramaturgo Roberto Vidal Bolaño, cuxo periplo polo audiovisual incluíu tanto a interpretación como a dobraxe. Ademais, formou parte do famoso Equipo Lupa, grupo cinematográfico pioneiro nos anos 70 do pasado século. Esta escolma, organizada en colaboración co Cineclube de Compostela, poderá verse o 4 de outubro no Teatro Principal.

 

A segunda cita destacada polo representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades é a estrea en Galicia de O Corno, segundo filme da realizadora Jaione Camborda que é, ademais, o primeiro título en galego que compite na sección oficial do Festival de San Sebastián. A súa exhibición no Curtocircuíto protagonizará a sesión inaugural o 3 de outubro, tamén no Teatro Principal.

 

Emerxentes e consolidados

A presenza galega complétase coa exhibición dos novos proxectos dunha vintena de cineastas repartidos en diferentes categorías. Así, na sección competitiva Planeta GZ difundirase unha selección de oito títulos de nomes como son Enar de Dios, Xacio Baño, Félix Brixel, Anxos Fazáns, Borja Santomé ou Ángel Santos, entre outros.

 

Pola súa banda, o apartado Supernova brindaralle ao público obras asinadas por realizadores emerxentes. É o caso de Fer Areal Alvite, Tamara Goberna, Uxía Gayoso, Claudia Pineda ou Alba Pérez Álvarez. Ademais, a sesión especial Terra, que acollerá Numax o 7 de outubro, centrarse na artista visual e fotógrafa Arancha Brandón.

 

Novo ‘Cosmos’

Coincidindo co seu 20º aniversario, Curtocircuíto redefinirá a súa estrutura e lanzará unha nova sección oficial, chamada Cosmos. Trátase da gran aposta cinematográfica coa que o festival procura consolidarse como referente pola súa diversidade. Na escolla, realizada entre máis de 2000 propostas recibidas, aparecen sinaturas habituais do certame como Deborah Stratman, Bertand Mandico ou Billy Roisz xunto a cineastas destacados que chegan por vez primeira ao certame, como Ion de Sosa, Christian Avilés ou Sandra Romero. 

 

O festival ofrece tamén experiencias que van máis alá da exhibición cinematográfica. Estes proxectos singulares aglutínaos baixo o epígrafe Live AV. Neste apartado, sobresaen as propostas que ofrecerán Panda Bear & Sonic Boom ou Niño de Elche, quen presentará un show rupturista que xoga coa identidade sonora, o simbolismo e a composición ao vivo de música para filmes surrealistas dos históricos Luis Buñuel, Germaine Dulac ou Atonin Artaud.

Data de actualización: 26/09/2023