Máis dun cento de profesionais do sector turístico danse cita na presentación do destino Galicia en Varsovia

O Museo Etnográfico da capital polaca acolleu unha xuntanza de traballo onde se deron cita 115 profesionais do sector nun acto promovido pola Xunta, o Clúster de Turismo de Galicia e a OET de Varsovia

No que vai de ano Galicia recibiu xa preto de 20.000 turistas polacos, un 35% que no mesmo período do ano pasado

Varsovia, 26 de setembro de 2023

Máis dun cento de profesionais entre turoperadores, xornalistas, prescritores e autoridades déronse cita hoxe no Museo Etnográfico de Varsovia para a presentación do destino Galicia, no marco da promoción internacional que fai o noso territorio fóra das nosas fronteiras. En colaboración coa OET de Varsovia, da Embaixada de España en Polonia e do Clúster Turismo de Galicia, o evento permitiu celebrar un workshop profesional entre empresarios turísticos polacos e galegos que rematou cun cóctel a cargo do chef Iñaki Bretal e cunha actuación musical de Xisco Feijóo.

O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, estivo acompañado no acto de, entre outras autoridades, o Embaixador de España en Varsovia, Ramiro Fernández Bachiller, o Conselleiro de Turismo da Embaixada, Claudio Andrade Lucena e o presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal. Todos eles coincidiron en destacar a relevancia de darlle continuidade á promoción internacional en mercados tan interesantes para Galicia como o polaco, con fortes vencellos co Camiño de Santiago.

“Polonia é un mercado internacional especialmente estratéxico para nós, polo evidente peso que ten o Camiño de Santiago, pero tamén pola capacidade de crecemento que estamos a observar nos últimos tempos”, explicou o xerente de Turismo de Galicia, quen destacou que Galicia rexistrou no que vai de ano preto de 20.000 turistas polacos e 120.000 pernoctacións, cifras que superan en máis do 35% os niveis do ano pasado no mesmo período.

“Son viaxeiros de larga estadía e aos que nos interesa dar a coñecer todos os recursos turísticos que teñen ao seu alcance tales como os vencellados á Galicia culinaria e enolóxica; a natural e activa; a mariña ou a patrimonial e cultural que están abertas ao viaxeiro polaco.

Promoción internacional

Con este novo acto de presentación internacional, que se completou cun cóctel a base de productos galegos a cargo do cociñeiro do Grupo Nove, Iñaki Bretal, e unha actuación do grupo de música de Xisco Feijóo, o Goberno galego segue a darlle un pulo á promoción internacional de Galicia fóra das nosas fronteiras, ao tempo que se reforza a presenza da oferta turística de Galicia en Francia, na participación estes en varias feiras náuticas profesionais nas que se está promovendo o turismo náutico do noso territorio.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023