A alianza industrial galega do hidróxeno verde desenvolverá un mapa de capacidades industriais

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou nas reunións dos comités executivos de capacidades industriais e no de proxectos tractores e infraestruturas deste organismo

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2023

O secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, participou nas reunións dos comités executivos de capacidades industriais, por unha parte, e de proxectos tractores e infraestruturas, por outra, dependentes da Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde para avanzar nos traballos que teñen que ver co desenvolvemento desta enerxía na Comunidade.

Deste xeito, o comité encargado da área de capacidades industriais acordou promover un mapa que incluirá as instalacións que forman parte da cadea de valor do hidróxeno verde (produción, transporte, consumo e almacenaxe), así como un catálogo de subministradores, capacidades TIC e tecnolóxicas. Neste sentido, estase traballando na localización das zonas máis propicias para a implantación de proxectos vinculados ao hidróxeno verde.

A Alianza Industrial Galega do Hidróxeno Verde, como instrumento de colaboración público-privada promovido pola Xunta de Galicia, ten como obxectivo maximizar as posibilidades de atracción de proxectos e impulsar e consolidar un novo tecido industrial, que faga de Galicia un hub do hidróxeno renovable a nivel internacional.

Proxectos tractores

O secretario xeral tamén participou na reunión do comité exectutivo de proxectos tractores e infraestruturas do que forman parte empresas da cadea de valor como Naturgy, Reganosa, Forestal del Atlántico, Repsol Ence ou Enagás, as tras autoridades portuarias da Coruña, Ferrol e Vigo e a propia Xunta.

 

Neste encontro valoráronse os avances dos últimos meses e púxose de manifesto a necesidade de contar cun inventario actualizado de infraestruturas de produción, transporte e distribución do hidróxeno renovable.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023