A conselleira de Política Social e Xuventude clausurou o foro ‘La España Despoblada. El reto demográfico’ organizado pola Cadena Ser este martes en Ribadeo

Fabiola García sinala que Galicia leva a dianteira na loita contra o despoboamento e o reto demográfico

O Goberno galego impulsou iniciativas pioneiras a nivel nacional para atender a esta situación desde o ámbito político, lexislativo e de actuación

Reivindica a colaboración por parte de todos os axentes implicados para blindar a igualdade de oportunidades entre todos os cidadáns, vivan onde vivan

Lembra que Galicia foi pioneira na aprobación da primeira Lei de Impulso Demográfico, na gratuidade das escolas infantís ou na posta en marcha de programas de apoio ao rural como as casas niño e casas do maior

Ribadeo (Lugo), 26 de setembro de 2023

A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, clausurou esta mañá o foro ‘La España Despoblada. El reto demográfico’ organizado pola Cadena Ser en Ribadeo. Durante a súa intervención, sinalou que Galicia leva a dianteira na loita contra o despoboamento e o reto demográfico con iniciativas pioneiras desde o ámbito político, lexislativo e de actuación.

A conselleira lembrou que o Goberno galego foi –xunto ao de Asturias, Castela e León e Aragón— un dos promotores do Foro de Regiones con Desafíos Demográficos (FREDD), un organismo que logrou situar a cuestión demográfica na axenda política autonómica, nacional e europea. Así mesmo, recuperou as reclamacións deste foro durante a súa última reunión en Santiago no ano 2021: un financiamento autonómico máis xusto, máis medidas de conciliación e tamén máis apoio ao rural.

Desde o ámbito lexislativo, Fabiola García destacou que Galicia foi pioneira en aprobar a primeira Lei de Impulso Demográfico de toda España. Unha normativa coa que se conseguiu blindar aquelas medidas destinadas a mellorar a calidade de vida de todos os galegos sen importar o seu lugar de nacemento. Así mesmo, sinalou que foi por mandato desta lei que o Goberno galego aprobou a gratuidade de todas as escolas infantís de 0 a 3 anos de Galicia, independentemente da súa titularidade.

Recursos no rural para familias e maiores

A conselleira enumerou algunhas medidas que, xunto coa gratuidade, permiten que as familias atopen servizos ao seu carón para realizar o seu proxecto de vida. Neste sentido, puxo en valor as máis de 100 casas niño impulsadas en concellos pouco poboados de Galicia para a atención gratuíta de nenos de 0 a 3 anos; a rede de atención temperá para atender a nenos de ata 6 anos con posibles problemas de desenvolvemento; ou a Tarxeta Benvida, para axudar aos pais nos gastos polo nacemento dun bebé.

Para facer posible que os maiores poidan seguir vivindo no seu lugar de sempre, sexa unha cidade ou unha aldea, o Goberno galego impulsa servizos como as casas do maior, o programa Xantar na casa ou o programa de Coidados porta a porta, que leva servizos gratuítos de podoloxía, audioloxía e estimulación da memoria a todos os concellos galegos. Un programa que leva beneficiado a 50.000 maiores de toda Galicia.

Por último, Fabiola García afirmou que o Goberno galego procura dar resposta ás necesidades das persoas que viven no rural mediante o programa Impostos Cero no rural, que permite que os galegos non tributen nada por transmitir solo rústico; o transporte escolar, para levar e traer aos nenos das súas casas ao centro educativo; ou a tarxeta Xente Moza, para favorecer o transporte público a menores de 21 anos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023