A Xunta destaca o seu apoio ao centro de información á muller da mancomunidade de Santa Águeda

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe en Vilamarín na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero da Mancomunidade

Vilamarín (Ourense), 26 de setembro de 2023

A secretaria xeral da Igualdade, Sandra Vázquez, participou hoxe en Vilamarín na mesa local de coordinación interinstitucional contra a violencia de xénero da Mancomunidade de Santa Águeda, onde destacou a importancia da colaboración entre todas as institucións para seguir loitando contra a violencia de xénero e erradicar os comportamentos machistas na sociedade.

Vázquez puxo en valor, ademais, o traballo diario que desenvolve a Rede de Centros de Información á Muller (CIM) para previr e sensibilizar contra esta lacra social, dous eixos nos que xira a política da Xunta para combater a violencia machista. Lembrou que os centros de información á muller proporcionan unha atención específica e especializada ás mulleres e destacou que son un recurso de titularidade municipal, que a Xunta apoia economicamente, no caso do da Manconumidade de Santa Águeda, con máis de 16.300 euros este ano.

Galicia conta na actualidade con 84 centros de información á muller con representación nas catro provincias galegas tras a apertura en 2020 do CIM do Pereiro de Aguiar e en 2021 do emprazado en Carballeda de Avia, ambos os dous na provincia de Ourense. A creación dos CIM depende dos concellos galegos, sendo a competencia da Xunta a de verificar os requisitos para o seu recoñecemento e acreditación. Os 84 CIM dan servizo a 191 concellos galegos, o que representa o 81% da poboación total.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2023