A Xunta achega máis de 500.000 € para a mellora de instalacións deportivas de entidades e concellos da comarca da Coruña

O delegado da Xunta explicou que 174 entidades dos concellos da área da Coruña recibirán outros 288.000 euros para levar a cabo as súas actividades deportivas ao longo do ano

Sada (A Coruña), 25 de setembro de 2023

O delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, reuniuse, esta mañá, co presidente do Club Náutico de Sada, Enrique Tostado. No encontro informoulle que este club recibirá 20.000 euros para levar a cabo a mellora da fachada do seu edificio social.

 

O representante do Goberno autonómico resaltou o importante esforzo que está a realizar o Goberno galego de apoio para a mellora de instalacións deportivas nos concellos galegos, concretamente, sumando os investimentos do primeiro semestre do ano, a Xunta destinará ata finais deste exercicio preto de 22 millóns de euros para a construción e mellora de instalacións deportivas, o que representa o 50 % de todo o orzamento histórico da Secretaría Xeral para o Deporte da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que en 2023 consegue máis de 44 millóns de euros.

 

En relación co apoio a entidades deportivas, Trenor resaltou que “na comarca da Coruña imos a investir máis de 221.000 euros que permitirán mobilizar máis de 400.000 euros en 11 clubs deportivos”.  

 

A Xunta tamén apoia aos Concellos cunha orde de axudas dirixidas para a construción, reforma, reparación, adecuación ou mellora de instalacións deportivas de titularidade municipal e para a adquisición de material deportivo inventariable. En total na comarca da Coruña foron 12 os concellos beneficiados por algunha das dúas liñas -instalacións ou equipamentos- ou con ambas as dúas por un importe de máis 380.000 euros en 20 axudas.

 

No eido galego os investimentos destinados á mellora de instalacións de  entidades deportivas suman 1,3 millóns de euros e aos concellos oito millóns en total.

 

Actividades deportivas

O delegado da Xunta tamén puxo en valor a orde de axudas dirixidas a clubs deportivos, sociedades anónimas deportivas, seccións deportivas e núcleos de adestramento especializado de Galicia, para o desenvolvemento de actividades deportivas para o ano 2023.

 

A concesión destas subvencións conta cun importe máximo de 2 millóns de euros para dúas liñas de actuación. Por unha banda, o desenvolvemento de actividades deportivas, que ten un orzamento de 1,85 millóns de euros e, pola outra, os núcleos de adestramento deportivo especializado (NADE) desenvoltos a raíz do novo decreto de alto nivel do ano 2020 e que teñen un orzamento de 150.000 euros.

 

Concretamente, na comarca da Coruña reciben estas axudas 174 clubes e entidades deportivas por un importe que supera os 288.000 euros para poder levar a cabo as súas actividades ao longo de todo o ano.

 

Trenor subliñou a importancia de fomentar o deporte entre a poboación máis nova para “construír unha Galicia saudable, solidaria e con espírito de superación”.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2023