A Xunta colaborará co sector para promocionar a carne de Ternera Gallega Suprema con certificación ecolóxica

Con este motivo, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria vén de asinar un convenio co consello regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e co das indicacións xeográficas protexidas Carne de Vacún de Galicia

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, reuniuse hoxe con representantes do consello regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e co das indicacións xeográficas protexidas Carne de Vacún de Galicia para asinar un convenio de colaboración co fin de realizar de xeito conxunto actividades de control e promoción da carne Ternera Gallega Suprema que conte coa certificación de produción ecolóxica.

A finalidade principal deste convenio é a identificación no mercado desta carne que ten unha dobre certificación cunha etiqueta específica conxunta. Deste xeito, ambos consellos reguladores comprométense a colaborar nas tarefas de control e certificación da carne e organizar actividades de promoción específica para esta produción co apoio da Axencia.

Dentro da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega a que se cataloga como Suprema correspóndese coa procedente de animais que se crían en explotacións con vacas nai e que tiveron un período de lactación materna mínimo de sete meses e cuxo sacrificio faise antes dos dez meses. En 2022, a produción de carne desta categoría foi de máis de 12 mil toneladas. Parte desta produción, a que cumpra as estritas normas da produción ecolóxica, será etiquetada cunha marca específica. O distintivo servirá para que as persoas consumidoras poidan identificar de xeito doado esta carne.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2023