A Xunta financia con 500.000€ o obradoiro Terras da montaña IV que permitiu a formación e o acceso a un emprego de 20 persoas sen traballo

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na clausura desta iniciativa que o Goberno galego desenvolveu en colaboración cos concellos de Curtis, Sobrado e Vilasantar

As alumnos e alumnos cualificáronse e traballaron como auxiliares de viveiros, xardíns e centros de xardinería e auxiliares en conservación e mellora de montes

Ao tempo que se formaron e estiveron empregados, os participantes melloraron, entre outros, diferentes zonas verdes e parcelas das tres localidades

A Xunta destinará no período 2023-2024 máis de 38,9 millóns do euros ao financiamento dos obradoiros duais de emprego cos que se pretende mellorar a formación e a inserción laboral dunhas 1.400 persoas desempregadas en Galicia

Curtis (A Coruña), 25 de setembro de 2023

A directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación, Zeltia Lado, participou hoxe na entrega de diplomas e clausura do obradoiro Terras da Montaña IV, no que se formaron e accederon a un emprego ao longo dun ano un total de 20 persoas sen traballo. A iniciativa, que financiou a Xunta con 500.000 euros e desenvolveron os concellos de Curtis, Sobrado e Vilasantar, permitiu, ademais, a mellora de diversas parcelas e xardíns das tres localidades. O obradoiro centrouse nas especialidades de auxiliar de viveiros, xardíns e centros de xardinería e de auxiliar en conservación e mellora de montes.

Lado destacou a contribución desta actuación coa dinamización da economía desta contorna, ao tempo que indicou que axuda a atopar traballo a un dos colectivos prioritarios para o Goberno galego: as persoas sen emprego. Na súa intervención, salientou ademais a unión de tres concellos para o desenvolvemento desta iniciativa e indicou que a Xunta destinará no período 2023-2024 un total de 38,9 millóns de euros á celebración de obradoiros duais de emprego cos que pretende mellorar a formación laboral e as posibilidades de inserción dunhas 1.400 persoas desempregadas.

Os obradoiros duais poden ser promovidos polos concellos, mancomunidades de concellos ou entidades públicas dependentes, así como entidades sen ánimo de lucro do sector forestal. Ofrecen ao alumnado 12 meses de formación cun contrato de traballo e a posibilidade dunha inserción posterior nas empresas da contorna na que se celebran.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2023