A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reuniuse con representantes de FENIL
A Xunta valora o compromiso do sector primario co desenvolvemento dunha actividade respectuosa co medio ambiente
Ángeles Vázquez subliña que a sostibilidade é un dos principais retos do sector lácteo
Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023
A Xunta de Galicia pon en valor o compromiso do sector primario co desenvolvemento dunha actividade respectuosa co medio ambiente, tal e como lle trasladou, nunha reunión que mantiveron recentemente, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao presidente e ao director da Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil), Ignacio Elola e Luis Calabozo, respectivamente.
Durante o encontro, Ángeles Vázquez subliñou a sostibilidade como un dos principais retos do sector lácteo e avogou por avanzar cara a un novo paradigma, baseado nunha actividade respectuosa co medio ambiente que dea como resultado un produto sostible e de alto valor engadido, que reforce aínda máis o renome e a reputación que xa ten.
Nesa liña, os representantes de Fenil trasladáronlle á vicepresidenta segunda o documento Polo futuro do sector lácteo en España, que establece as liñas estratéxicas coas que se pretende garantir que esta actividade siga sendo fundamental para a economía, a seguridade alimentaria e a fixación de poboación no rural.
A maiores, no encontro avaliaron cuestións claves como a necesidade de avanzar cara a unha maior formación de todos os estamentos implicados nesta actividade, así como a posibilidade de simplificar os procesos administrativos e burocráticos para garantir tanto a calidade do produto como a competitividade do sector.