O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, presenta esta nova acción no Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros

Máis de 2.000 alumnos de 100 centros participarán no novo programa Innovatech FP

Román Rodríguez salienta a aposta pola innovación tecnolóxica e dixital na Formación Profesional a través desta acción na que a Xunta inviste 1,5M€

Lanzaranse 90 retos de tecnoloxía avanzada por parte dos estudantes coa finalidade de transferir resultados ao tecido produtivo

O Centro Galego de Innovación da FP exercerá de polo tractor destas iniciativas, poñendo á disposición as súas instalacións e os medios materiais e humanos

Entre os obxectivos específicos figura o desenvolvemento do rural e a promoción de liñas de actuación que axuden á redución da fenda de xénero

Ourense, 25 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asegura que as ensinanzas de Formación Profesional en Galicia van dar “un novo salto de calidade” a través do programa InnovaTech FP, unha iniciativa enfocada ao impulso da innovación tecnolóxica por parte do alumnado de Formación Profesional e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.

Así o asegurou esta mañá no Centro de Innovación da FP Eduardo Barreiros en Ourense, onde presentou a posta en macha desta novidosa acción da Consellería que mobilizará máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP durante o curso 2023-24 e 2024-25, e suporá un investimento de 1,5M€ neste período. Segundo Román Rodríguez, que estivo acompañado do presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, e da directora xeral de FP, Eugenia Pérez, o contexto de transformación social e tecnolóxica “esixe unha profesionalización inmediata das competencias dixitais”, de aí á necesidade de “afondar nas súas posibilidades e ofrecer un valor engadido que marque a diferencia”.

Neste reto insírese InnovaTech FP, a través do cal se busca incentivar, entre o alumnado e os titulados de FP que contan cunha alta formación tecnolóxica, o desenvolvemento de proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial co obxectivo último de lograr unha transferencia de coñecemento cara as empresas dos distintos sectores produtivos da Comunidade.

“Dobre repercursión”

Isto, en palabras do conselleiro, ten unha “dobre repercusión” xa que, por unha banda, “refórzase a formación específica dos estudantes en competencias clave no uso das tecnoloxías”, e por outra banda, “supón un beneficio directo para os sectores produtivos ao contar con profesionais altamente cualificados”, o que permitirá “avanzar cara unha maior tecnificación e dixitalización” do tecido empresarial.

Enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia, InnovaTech FP ten como obxectivos específicos xerar innovación aplicada que poida derivar no desenvolvemento de proxectos de emprendemento tecnolóxico e industrial, a resolución de retos tecnolóxicos dos sectores produtivos galegos, o fortalecemento da colaboración público-privada, o desenvolvemento do rural e a promoción de liñas de actuación que colaboren na redución da fenda de xénero.

Precisamente, o Centro Galego de Innovación da FP, con sede en Ourense, exercerá de polo tractor, coa posta a disposición das súas instalacións e dos medios materiais e humanos necesarios ao servizo deste programa.

85 centros en primeira convocatoria

InnovaTech FP está dirixido a centros educativos de Formación Profesional con dinámica de investigación, innovación e emprendemento, e que contan con viveiros de empresas ou aulas de emprendemento.

Na primeira convocatoria deste curso, o programa chegará a 85 centros educativos, coa participación de ata 1.020 alumnos e a implicación de dez empresas. Na convocatoria do próximo curso o obxectivo é acadar os 100 centros participantes e máis de 2.000 alumnos e 400 docentes implicados, entre coordinadores de emprendemento e de innovación, profesorado especializado e integrantes de equipos directivos, así como ata 30 empresas involucradas.

O programa abordará unha serie de retos tecnolóxicos relacionados cos sectores identificados no Plan Conecta FP que serán propostos polas empresas da comunidade, e que deberán ter un impacto no medio rural así como avogar pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

No plan de traballo establecido, o alumnado dos diferentes ciclos formativos deberá afrontar estes desafíos en equipos multidisciplinares e equilibrados en canto á representación de xénero, integrados por catro persoas. O seu labor será propoñer solucións innovadoras que integren os coñecementos adquiridos durante a súa formación a correspondente área. Cada centro poderá presentar un máximo de tres proxectos.

Protección da propiedade industrial

Doutra banda, cómpre salientar que a Xunta de Galicia vai velar pola protección da propiedade industrial dos resultados dos proxectos xurdidos do traballo do alumnado nos centros educativos. Para ilo, establecerase un novo Protocolo de protección da propiedade intelectual no ámbito da FP galega, que fixará as bases para a súa xestión e o rexistro de patentes para os centros educativos, profesorado, alumnado e egresados. Incluirá unha carteira de servizos que permitirá contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico e á mellora da competitividade do tecido produtivo galego.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2023