A Xunta convoca 18 cursos de formación continua para persoal da Policía Local con máis de 500 prazas e de 300 horas lectivas no último trimestre do ano

O programa formativo impartirase na Academia Galega de Seguridade Pública, con especial atención aos contidos sociais

As inscricións deben formalizarse a través da web da Academia ata o 3 de outubro

Santiago de Compostela, 25 de setembro de 2023

O Diario Oficial de Galicia (DOG) recolle hoxe a convocatoria de 18 cursos de formación continua destinados á Policía Local dos concellos galegos. As accións formativas suman máis de medio milleiro prazas e desenvolveranse desde outubro ata finais de ano na Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).

Segundo a resolución publicada, poderá participar nos cursos tamén persoal das demais forzas e corpos de seguridade que traballan na comunidade -Policía Autonómica, Policía Nacional e Garda Civil-, para os que se reservan un 20% das prazas. As solicitudes de inscrición deben presentarse a través do formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal) e o prazo para facelo vai desde mañá ata as 14,00 horas do 3 de outubro.

A programación formativa suma máis de 300 horas lectivas e inclúe cursos en modalidade presencial, semipresencial e en liña. Trátase de formación práctica orientada ao labor profesional que desenvolven de xeito cotiá os corpos e forzas de seguridade, como entrada e rexistro de inmobles, inspección de locais ou autoprotección táctica.

Contidos sociais e tecnolóxicos

Entre os contidos máis sociais prevense sesións vinculadas á diversidade sexual, de xénero e orientación sexual, ás intervencións en casos de violencia de xénero e aos delitos contra a liberdade e intimidade sexual e xustiza xuvenil, entre outras. Ademais, haberá formación centrada en delitos relacionados coas novas tecnoloxías, administración electrónica e certificado dixital, Google Earth para o traballo policial ou operador en sistema EUCARIS.

Cómpre sinalar que a Academia de Seguridade Pública é un dos órganos máis representativos das policías locais de Galicia e, en xeral, un centro de referencia canto á formación das forzas e corpos de seguridade e dos servizos de emerxencias da comunidade. Así, estase a formar a 15ª promoción de Policía Local, cuxo alumnado volveu ás aulas este mes. Dela forman parte as persoas que superaron os procesos de selección unificados para cubrir prazas de axentes de Policía Local. 

Data de actualización: 25/09/2023