Román Rodríguez recoñece o compromiso do profesorado co bo clima de convivencia nas aulas

O conselleiro de Educación abre a xornada de formación sobre ‘A convivencia positiva e a prevención de conflitos’ que congrega preto 350 docentes en Santiago

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, pon en valor o compromiso e a implicación do profesorado como unha das “pezas fundamentais” para acadar un bo clima de convivencia nas aulas. Así o sinalou hoxe con motivo da apertura da xornada formativa A convivencia positiva e prevención de conflitos que congrega preto de 350 docentes entre hoxe e mañá en Santiago.  

O titular de Educación do Goberno galego salienta que este encontro, que forma parte das accións recollidas no Plan de Formación do Profesorado, ten como obxectivo debater e poñer en común medidas, ferramentas e estratexias educativas que favorezan a construción dun entorno de convivencia pacífico, saudable e seguro, así como a prevención de conflitos. Nesta liña, lembrou que, baixo a Estratexia Galega de Convivencia Escolar, a Consellería de Educación leva “máis dunha década” impulsando medidas” para a mellora do bo clima nos centros educativos así, como para coidar do benestar do conxunto da comunidade educativa, que converten a Galicia “nun claro referente de boa práctica”.

 

Na xornada de hoxe o encontro conta con relatores como o experto no acompañamento para crear cultura da paz en centros educativos e institucións, Francisco Cascón, ou o psicopedagogo, orientador e profesor de Psicoloxía Xeral e Evolutiva da UNED, Juan Vaello Orts, que abordarán temas como a convivencia positiva e as competencias docentes para o coidado das persoas e das relacións. A xornada continuará mañá sábado coa abordaxe de cuestións relativas á prevención do acoso e o ciberacoso, a convivencia dixital e a ciberconvivencia emocional.

Data de actualización: 22/09/2023