O presidente da Xunta participa na inauguración do Hotel Boutique Vilavella en O Grove

Rueda agradece a contribución do sector hoteleiro para consolidar Galicia como un destino puxante e referente do turismo sostible

Apuntou que iniciativas como o Bono turístico para este outono ou os plans específicos para reforzar este sector en áreas concretas como O Grove contribúen a mellorar a oferta e manter a comunidade como un destino atractivo

 

O Grove (Pontevedra),  22 de setembro de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quixo agradecer hoxe a contribución do sector hoteleiro á hora de consolidar Galicia como un destino puxante e referente do turismo sostible. Así o manifestou durante a inauguración do Hotel Boutique Vilavella do Grove, do cal destacou a súa aposta pola calidade e a tradición, a excelencia e a posta en valor da identidade galega.

 

A este respecto, o titular da Xunta enxalzou o bo momento que atravesa o sector turístico, ao rexistrar récord de turistas, chegando aos 3,7 millóns de viaxeiros, e de pernoctacións, con preto de 7 millóns de noites, nos primeiros sete meses deste 2023. Unhas cifras que son especialmente relevantes tendo en conta que o pasado ano foi Xacobeo e de máximos históricos.

 

Neste sentido, Alfonso Rueda manifestou a necesidade de seguir traballando para mellorar a oferta turística e manter a Galicia como un destino atractivo. Un obxectivo ao que pretende contribuír a nova edición do Bono turístico para impulsar as escapadas internas este outono e tamén o reforzo de áreas concretas como a do Grove, con plans para impulsar a vila como destino gastronómico ou a revitalización da ruta xacobea marítima que pasa polo porto local.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2023