As unidades de medicina nuclear e diagnóstico por imaxe do Sergas reciben o recoñecemento histórico tras 20 anos consecutivos coa certificación ISO 9001

A empresa pública de servizos sanitarios, Galaria, celebra 20 anos consecutivos coas súas certificacións ISO 9001

A unidade de Diagnóstico por Imaxe e de Medicina Nuclear de Ourense foron as primeiras unidades asistenciais do SERGAS en obter esta certificación de calidade
 

Vigo, 24 de setembro de 2023

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Estrella López-Pardo, e a xerente da empresa pública de servizos sanitarios (Galaria), Rocío Mosquera; asistiron, no hospital Meixoeiro de Vigo, ao acto de recoñecemento histórico das unidades asistenciais de Medicina Nuclear e Diagnóstico por Imaxe do Sergas, tras dúas décadas mantendo a certificación ISO 9001.

Coincidindo co 20 aniversario desde a primeira certificación tivo lugar un acto de recoñecemento no Hospital Meixoeiro de Vigo. O encontro contou tamén coa presenza do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; a xefa do Servizo de Diagnóstico por Imaxe, Mercedes Arias; o xefe do Servizo de Medicina Nuclear de Ourense, Ramón Guitián e o director da Rexión Atlántica de AENOR, Martín Pita.

Durante o acto, a xerente do Sergas destacou que este recoñecemento histórico “referenda a aposta da Xunta por acadar a excelencia na prestación dos servizos sanitarios”, ao tempo que agradeceu o labor desempeñado polos profesionais destas unidades.

“Desde o Sergas seguiremos traballando por acadar a máxima eficiencia en todos os procesos e servizos, centrándonos sempre nas necesidades dos pacientes” sinalou López-Pardo.

“Estamos orgullosos de poder ofrecerlles aos cidadáns galegos tratamentos de precisión, cos máis altos estándares de calidade e seguridade”, afirmou a xerente de Galaria, Rocío Mosquera. “Ser recoñecidos coa ISO 9001 durante vinte anos é un motor de impulso para seguir mellorando e elevando aínda máis os nosos estándares de excelencia”.

A empresa pública de servizos sanitarios (Galaria) continúa co seu compromiso pola calidade, iniciado hai máis de dúas décadas coa certificación segundo a norma ISO 9001. AENOR, líder na creación de confianza mediante a avaliación da conformidade outorgou este certificado por primeira vez no ano 2002 ás unidades de Diagnóstico por Imaxe e Medicina Nuclear do hospital de Ourense, establecendo un fito como as primeiras unidades asistenciais do Sergas en logralo. Desde entón, o seu compromiso persiste, cun esforzo continuado cara á eficiencia e a mellora continua dos seus procesos e servizos, orientados aos pacientes.

Selo de calidade técnica e asistencial

A norma ISO 9001 é o principal estándar internacional que recoñece a capacidade dunha organización para prestar os seus servizos e garantir a satisfacción de todas as partes de interese, proporcionando un selo de confianza de gran reputación. Esta certificación é de gran relevancia en diversos sectores, incluíndo as organizacións sanitarias e sociosanitarias.

O certificado de calidade ISO 9001 potencia o enfoque de xestión  eficiente, analizando o contexto no que as entidades desenvolven as súas actividades e a xestión dos riscos asociados. Dentro dun enfoque orientado a procesos que integran a comprensión das necesidades e expectativas das partes interesadas, esta certificación permite ás organizacións sanitarias non só mellorar o seu desempeño, senón tamén implementar procesos de atención integrais e centrados nas persoas.

"Galaria é unha das organizacións pioneiras en adoptar, voluntariamente, normas de xestión de calidade no ámbito sanitario asistencial”, declarou o director da Rexión Atlántica de AENOR, Martín Pita. “Isto reflicte un compromiso coa mellora continua de servizos públicos esenciais para a cidadanía galega”.

Dous servizos centrados no benestar do paciente

A Unidade de Diagnóstico por Imaxe distínguese, desde o seu inicio, pola incorporación de técnicas punteiras en resonancia magnética, que representan un avance para un mellor diagnóstico e posterior tratamento dos pacientes. Ademais, conta con tres unidades móbiles de resonancia magnética, un servizo pioneiro na sanidade pública, coas que se dá asistencia aos hospitais comarcais de Galicia e a outros centros que ocasionalmente poidan necesitar esta tecnoloxía.

Mercedes Arias, xefa do servizo de Diagnóstico por Imaxe fixo na súa intervención un pequeno percorrido polos 20 anos de calidade, recordando tamén que “a certificación non é un obxectivo a perseguir, senón un premio polo traballo ben feito”.

O Servizo de Medicina Nuclear de Ourense ofrece unha ampla variedade de exploracións, incluíndo patoloxías coronarias, neurolóxicas, endocrinas, renais e do aparello locomotor e o diagnóstico de enfermidades oncolóxicas.

Ramón Guitián, xefe da unidade de Medicina Nuclear de Ourense quixo destacar a "trazabilidade de todos os procesos, pasos e informes, que son esenciais para superar con nota os controis de calidade. A norma ISO 9001 foi moi favorable para o noso traballo e repercutiu no noso labor asistencial e o servizo ao paciente”.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2023