Turismo de Galicia asumirá a xestión do albergue de peregrinos de Vilagarcía cando o concello solucione as súas deficiencias

O edificio sofre de graves problemas de remate e de humidades que é preciso arranxar para que o edificio poida funcionar

O director de Turismo de Galicia lembra que a instalación non contou coa supervisión dos técnicos da Xunta antes da súa construción

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2023

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, avanzou hoxe que a Xunta colaborará na posta en marcha do albergue de peregrinos de Vilagarcía de Arousa e asumirá a súa xestión, sempre e cando o concello solucione as deficiencias que actualmente presenta e das que é coñecedor.

 

“Tal e como está agora é inasumible, o edificio presenta numerosas deficiencias que impiden que agora poida entrar a funcionar”, explicou Merelles. “Non se trata de que falte o mobiliario ou as cociñas, é que presenta problemas estruturais, de cuberta e de humidades que é preciso reparar así como rematar o exterior e moitas outras cuestións relativas ao subministro eléctrico”, tal e como se recolle nun informe técnico elaborado polos técnicos da S.A Xacobeo trala visita realizada en febreiro deste ano.

 

Non obstante, o director de Turismo de Galicia asegurou que desde a Xunta se colaborará na posta en marcha do albergue de peregrinos de Carril e se asumirá a súa xestión, como sempre se fai con todos os que dependen de administracións públicas, pero é preciso que o edificio estea en condicións. Neste sentido, Merelles destacou que a construción do edificio se fixo sen remitir o proxecto, sen contar coa opinión dos técnicos da Xunta, e sen criterios obxectivos de necesidade de atencións aos peregrinos.

 

Rede de Albergues Públicos de Peregrinos

O director de Turismo de Galicia explica que é deber da administración autonómica valorar onde se precisan albergues para peregrinos de carácter público, con criterios obxectivos como a descentralización dos itinerarios ou a falta de infraestrutura de acollida. Baixo estes criterios se abriron os últimos albergues en itinerarios como a Vía da Prata ou o Camiño do Norte, facilitando servizos onde non existen.

 

Actualmente a Rede de Albergues do Camiño de Santiago conta con 76 centros e 3.400 prazas distribuídas en todos os camiños, grazas a un investimento de máis de 21 M€ desde 2015 que permitiu a súa modernización e ampliación.

Data de actualización: 22/09/2023