Patrimonio cultural autoriza a iluminación da fachada da antiga estación de ferrocarril de Vigo

A Dirección Xeral comunica ao Concello de Vigo o informe favorable para a luz ornamental da fachada da vella terminal de Urzaiz

A resolución indica que deberá empregarse unha iluminación sen cor e estudar a posibilidade de intensificar a luz nos ocos desde a parte interior

Vigo, 22 de setembo de 2023

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, vén de informar favorablemente ao Concello de Vigo sobre o proxecto para a iluminación da fachada da antiga estación de ferrocarril de Vigo.

O departamento autonómico responde así á administración local sobre o documento denominado “Memoria técnica: iluminación da fachada da estación de ferrocarril de Vigo”. Segundo recolle a resolución de Patrimonio Cultural, o proxecto ten como obxectivo a iluminación ornamental da antiga fachada da estación de Urzaiz que foi desmontada a principios de século e que agora se repuxo fronte ao acceso principal do Centro Vialia.

O informe autoriza o proxecto e indica varias condicións. Desta maneira apunta que deberá “empregarse unha iluminación sen cor”. Tamén apunta que se deberá “estudar a posibilidade de intensificar a iluminación nos ocos dende a parte interior da fachada, en congruencia coa funcionalidade que tivo a antiga estación de ferrocarril”.

A antiga estación de ferrocarril foi construida en 1878, obra do enxeñeiro Javier Boquerín. En 1923 ampliouse o edificio construíndo unha segunda planta cubrindo o espazo de chegada dos trens cunha estrutura metálica. En 1987 inaugurouse unha nova estación na parte posterior, convivindo ambos edificios ata 1990, data na que o antigo edificio quedou en desuso. No ano 2000 desmontouse o edificio e trasladouse á estación de Redondela, onde permaneceu ata a reconstrucción da fachada.

Data de actualización: 22/09/2023