A Xunta apoia con máis de 76.000 euros a mellora de locais e equipamentos de nove entidades veciñais a través do Plan específico de acción comunitaria

A delegada territorial, Martina Aneiros, visitou esta mañá a AVV de Santa Mariña que recibiu dúas achegas valoradas en preto de 17.000 euros para a reforma do aseo e a adquisición de equipamento de oficina

Esta orde de axudas, dotada con tres millóns de euros, permite facilitar a actividade a asociacións veciñais, colectivos de mulleres rurais e comunidades de usuarios de augas

Ferrol, 22 de setembro de 2023

A Xunta de Galicia colabora con 76.207 euros na mellora de locais e equipamentos de nove entidades veciñais de Ferrolterra a través do Plan específico de acción comunitaria. A delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros, informou esta mañá da resolución destas axudas da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes durante unha visita efectuada á AVV de Santa Mariña, en Ferrol, beneficiaria da convocatoria.

Neste caso, a entidade percibiu dúas achegas autonómicas de preto de 17.000 euros, unha de 12.000 euros dentro da liña de execución de obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais coa que se financia a reforma dos aseos e outra de 5.000 euros para a adquisición de equipamento, concretamente catro radiadores eléctricos, unha cadeira de oficina, un monitor de ordenador, un proxector e unha televisión.

Durante a visita na que estivo acompañada da xefa territorial da consellería, María Barreiro, e do tenente de alcalde do Concello de Ferrol, Javier Díaz Mosquera, a delegada territorial remarcou o compromiso da Xunta co asociacionismo local e destacou a importancia de facilitarlles espazos axeitados para o desenvolvemento da súa actividade coa que contribúen a dinamizar a vida social e cultural do entorno.  

O Plan específico de acción comunitaria, creado en 2016, está dotado este ano con tres millóns de euros. Destínanse 2,5 M€ para obras de acondicionamento, reforma e ampliación dos locais sociais onde as entidades veciñais e de mulleres rurais desenvolven a súa actividade e para obras de mellora, reforma e reparación de infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias promovidas por comunidades de usuarios de augas e os restantes 500.000 euros para a adquisición de equipamento.

Ademais da AVV de Santa Mariña, en Ferrol resultaron beneficiarias desta convocatoria a AVV de San Xoán de Filgueira-Bertón (5.000 euros para equipamento); a comisión de veciños de Santa Euxenia de Mandiá (12.000 euros para a reforma do local social); a AVV de Pazos (4.903 euros para a adquisición de equipamento); a AVV Santa Comba (4.849,29 tamén para mellora de equipos); AVV Rosalía de Castro de A Graña (5.000 euros para equipamento), e as AVV de San Xurxo e a AVV Cuco Ruíz de Cortázar (con 12.000 euros cada unha) para a reforma dos seus locais sociais. En Ortigueira, a AVV de Espasante, recibiu 3.521 euros para mercar novo equipamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2023