A Xunta destaca o pulo da agricultura ecolóxica en Galicia na véspera do seu día europeo

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria participou en Monforte de Lemos no acto de celebración desta efeméride, que ten lugar cada 23 de setembro

No evento, José Luis Cabarcos puxo en valor a importancia deste sector na nosa comunidade e lembrou o constante incremento rexistrado na última década tanto en superficie certificada como en operadores rexistrados e en facturación

Monforte de Lemos (Lugo), 22 de setembro de 2023

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, participou esta mañá en Monforte de Lemos na conmemoración do Día Europeo da Agricultura Ecolóxica -que se celebra mañá sábado-, un acto organizado polo consello regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).

 

Na xornada, José Luis Cabarcos puxo en valor a importancia deste sector na nosa comunidade e lembrou o constante incremento rexistrado na última década tanto en superficie certificada (medrou case un 200 %) como en operadores rexistrados (cun incremento do 148 %) e en facturación (tivo unha suba do 385 %). Así, en Galicia a superficie certificada en ecolóxico chega actualmente ás 45.600 hectáreas, a cifra de operadores ecolóxicos supera os 1.500 e o valor económico estimado rolda os 113 millóns de euros, segundo datos de 2022.

 

Ademais, o director subliñou que o leite e os seus derivados constitúen, en Galicia, os produtos máis destacados neste ámbito produtivo, seguidos da carne e derivados; as conservas de peixe; outros elaborados e os ovos e derivados. O ranking dos dez primeiros produtos amparados polo Craega complétase cos produtos da acuicultura; os pensos e alimentación animal; os viños licores, sidras e vinagres; as froitas e os aceites.

 

A este evento asistiron arredor de 430 escolares dos colexios de Monforte de Lemos, que puideron degustar produtos ecolóxicos certificados de Galicia. A maiores, presentouse o libro infantil “Os Bolechas e os alimentos ecolóxicos”, que xa foi distribuído en todas as escolas e bibliotecas da comunidade, e houbo unha actuación dirixida aos máis cativos a cargo do músico e compositor Pakolas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2023