A Xunta apoia a 55 edición do concurso de gaitas de Ponteareas

Artesanía de Galicia estará presente un ano máis no certame a través dos instrumentos que servirán como galardóns e que están elaborados polos obradoiros Gaitas Gil e Sanín Percusión Tradicional

Ponteareas (Pontevedra), 22 de setembro de 2023

A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistirá mañá á entrega de premios do Concurso Rexional de Gaitas do País, o certame máis antigo de Galicia destas características que se celebra na localidade pontevedresa de Ponteareas, un evento consolidado como un referente no panorama da música tradicional. 

Como é habitual, a Xunta de Galicia colabora co Concello de Ponteareas neste certame, a través duns premios Artesanía de Galicia para a agrupación que resulte gañadora. O galardón consiste nunha gaita elaborada polo obradoiro Gaitas Gil (Ponteareas), así como un tamboril elaborado por Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela). Con estes premios búscase apoiar os construtores artesanais de instrumentos musicais tradicionais galegos e facer promoción do labor e da calidade dos obradoiros artesáns.

Data de actualización: 22/09/2023